Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Flexibilidade si, pero non políticas de cartón pedra

10:00 22/04/2008

Hai algúns que están demasiado acostumados a facelo mal e por riba cobralo caro. E hai outros que están demasiado dispostos a poñérllelo fácil. Propóñolles esta reflexión a conto do tirapuxa sobre as recentemente estreadas Normas do Hábitat Galego promovidas por Vivenda.

A enxurrada de críticas onde estes días combinaron forza construtores, certa parte do sector arquitectónico, PPdeG, e arietes políticos municipais, é unha arremetida clara contra un deses exemplos lexislativos deseñados para furar fondo en tradicións de malfacer e mudar cara a modelos de mellores prácticas. A resistencia a ese cambio nace da obstinación contra a viraxe no modelo de país.

Botarlle un ollo a este noso paísiño de feísmos consentidos fai cómico escoitar a alguén denunciar que se pretenda "exceso de regulación" á luz de normas como esta. Pero iso foi o que lle escoitamos dicir á oposición parlamentaria. A mesma oposición que xa turrara duro en favor das inercias e soberbias que desde anos decoraron de ladrillo a fronte da costa facendo do caos urbanístico marca da casa.

Seica segundo eses teóricos do "deixar facer", no noso país non hai feísmos, interiores nin exteriores, e xa o sector se autorregula. Seica non hai xente vivindo en salóns reconvertidos nun par de habitacións e cuarto de estar con medio tabique e un biombo de todo a cen, ninguén transforma armarios empotrados nun cuarto con literas, non se deseñan nichos sen fiestra á procura de estudantes con reducida bolsa que espremer... Seica non hai improvisadores, charlatáns nin chapuceiros no sector da construción.

Ao meu ver, o máis preocupante é a novidade de que desde dun dos pés políticos do goberno abrollen estas bochas municipais de insensatez imprudente. Nun país de crebacabezas arquitectónicos e planos revirados atopámonos agora rexedores con visión limitada de país que apelan á cobiza fácil do ladrillo no canto de insistir, por exemplo, a prol de cambios no modelo de financiamento local. Vendidos ao compromiso do día seguinte máis que ao de pasado mañá.

Bo será que trasacorden. A Galiza cómprenlle políticos e sectores empresariais que asuman esa visión de futuro e decidan. Pidan flexibilidade e diálogo. Pero oxalá que non sexa escusa para conceder cambios que apenas maquillen un país de cartón pedra e oculten a cotra por baixo da alfombra. Que a flexibilidade non torza a aposta por cambios reais e profundos que vaian ao miolo dos problemas.

4,75/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: