Este sábado 20, a partir das oito, a Fundación Luís Seoane amosa nova exposición. E non é de artes plásticas.... ou si. É de palabras. As Palabras contadas de Camilo Franco. O libro, publicado en Xerais, contiña máis dun cento de microrrelatos, trinta argumentos de novela,e cinco relatos algo máis extensos, adubiando co humor e ironía propios do autor temas como o amor, a morte, a dor ou a alegría. Agora, no marco de Proxecto Edición, cambia o soporte: a palabra segue a ser o código e o significante, pero en soportes propios da cultura de masas postindustrial. O lector é espectador agora. A literatura ocupa novos espazos, e xa non está pechada nun libro, senón que se exhibe.
A palabra e a narración son postas en escena, expostas, amosadas dende a parede. Saen do soporte tradicional para situárense no centro de espazos que poden ser considerados escénicos. A reinvindicación da palabra como creadora de ámbitos carrexa a creación de espazos en que o relato adquira significado completo. Cada historia é dotada de novos códigos para proxectar o argumento. A imaxe é narrativa.
O escritor e xornalista Camilo Franco (Ourense, 1963) é correspondente cultural de "La Voz de Galicia", publicou A lúa no cénit e outros textos (1988), Ribadavia (1993), En malos pasos (Xerais 1995), o relato "Chuvia tralos cristais" no libro Narradores de cine (Xerais 1996), que el mesmo coordinou; Por conto alleo (2003), no que reúne a serie de colaboracións publicadas por Vieiros ao longo de 1999 (dous anos despois coordinou a experiencia de literatura en rede Necesariamente X, na qe reflexionaba sobre o carácter contracultural da pornografía), e Palabras contadas (Xerais 2006).