Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Morrazo

RSS de O Morrazo
CHEGA DE VOLTA O MILLO CORVO

O VIII Encontro-degustación do Millo Corvo xa está aquí

A aldea de Meiro, Bueu, volve ser o escenario desta festa da tradición organizada pola Asociación Cultural Meiro que porá remate o vindeiro domingo 26 de marzal a todo o proceso que se vén desenvolvendo ao longo do ano arredor desta caste autóctona de millo.

- 17:57 21/03/2006
Tags:

E este ano, o programa do Encontro-Degustación contará co pregón da cantante Uxía, e maila actuación das pandereteiras de Malvela pola mañán e de Quempallou pola tarde. Para alén disto, haberá as tradicionais visitas guiadas ao muíño e na carpa instalada na aldea poderán os visitantes e veciños degustar ou mercar o pan de millo e os produtos, empanadas, doces,..., elaborados con el.
Por riba, e como colofón a todas as actividades que, coa colaboración de varios colexios da bisbarra, se veñen desenvolvendo durante todo o ano, venres 24 de marzal, entre as 9 e 12 horas da noite, mentres se moe o escuro e saboroso millo co que se farán os produtos da Degustación do domingo, haberá parolada, foliada e o que faga falla no mesmo muíño. Dende a organización convidan a todo o mundo a achegarse ao muíño con instrumentos, algo de mantenza se vos presta e por suposto gana de festiña.


0/5 (0 votos)