O Werder Bremen será o próximo rival do Celta na Copa da Uefa. Os vigueses xogarán contra os alemáns logo de eliminar este xoves a un Spartak de Moscova falto de ritmo e con poucos recursos. Fernando Vázquez deseñou unha táctica con tres centrais e tres puntas, Nené, Canobbio e Núñez, que lle deu o resultado desexado. Malia non dispoñer con claridade do control do esférico, os galegos foron moito máis incisivos no ataque e aproveitaron as oportunidades que a adiantada defensa rusa ofreceu. Así chegou o primeiro gol, nun man a man que Nené soubo aproveitar ao bater cun fermoso sombreiro ao porteiro visitante.
No segundo tempo as oportunidades repartíronse para ambos equipos. Coa saída de Oubiña do terreo de xogo por Iriney, o partido abriuse. O Spartak só necesitaba un gol para igualar a eliminatoria pero os rusos, nestas alturas de ano en pretempada, non tiveron esa tensión competitiva que dan os partidos oficiais.
Logo de que Esteban evitase o empate nunha clara ocasión visitante chegou o gol de Aspas. O de Moaña sorprendeu os rusos, os seus compañeiros e até a bancada ao enganchar un forte disparo desde 35 metros que se colou pegado ao poste dereito de Khomich.
Co 2-0 no marcador o protagonismo foi para bancada de Balaídos, enfrontada en torno á figura de Vázquez. Malia o bo do resultado, os afeccionados radicais celestes crearon a polémica ao reprochar a actitude co adestrador doutros sectores en partidos anteriores. Foi nese intre cando chegou o gol de Titov, que devolveu á tensión do terreo de xogo os 14.000 espectadores.
Co Spartak tentando acadar o 2-2 que lle dese o pase á seguinte rolda chegouse ao final do encontro. A próxima cita europea será o 8 de marzo en Balaídos ante o Bremen. Moito antes, este domingo, o Celta xoga ante o Rácing de Santander tres puntos tan importantes como unha eliminatoria europea.