Este martes comeza o mundial de críquet, un deporte que move masas en países tan distintos como a India, Paquistán, Australia, San Cristovo ou Inglaterra.
Tres das figuras inglesas no seu último encontro ante Australia
Os ollos de medio planeta estarán pousados no que suceda nas pequenas illas caribeñas de fala inglesa, aínda que aos galegos e ás galegas non se lles acorde neste momento pensar por que. Alí comeza o mundial de críquet, un espectáculo que terá (disque) uns dous mil millóns de telespectadores en 200 países.
Que é o críquet?
Non, o críquet non é o cróquet (o que xogaba a raíña de corazóns de Alicia) e tampouco é o béisbol, aínda que se lle imita ben. De feito, dicirlle a un estadounidense ou a un venezuelano que o críquet é un béisbol civilizado quizais non lle pareza correcto, pero é como mellor poderiamos definilo: os dous consisten en tratar de petarlle a unha bóla cun pau, e en atrapar a bóla batida antes de que caia ao chan mentres que os contrincantes completan carreiras sobre a pista. Pero no críquet os partidos duran seis horas, os xogadores visten de branco, levan menos proteccións, e a bóla arrebólase contra o chan e non directamente contra o golpeador. E ademais, hai que parar a cada pouco para tomar o té.
Como gran peculiaridade, detrás do golpeador (que bate na bóla cunha pá lixeiramente curva), colócanse uns pauíños en equilibrio que, dependendo de quen os derrube e como, poden acelerar a vitoria. E iso resulta importante en encontros que chegan ás seis horas de duración. O críquet é un deporte claramente de verán, que se xoga en xuño en Inglaterra, en decembro en Australia e Sudáfrica e no Caribe e na India todo o tempo.
O mundial das Indias Occidentais
A longa duración dos encontros é a responsábel de que os mundiais da especialidade, que se celebran a cada catro anos, duren máis de seis semanas de competición continuada. Nesta edición de 2007 o partido inaugural terá lugar en Kingston, a capital xamaicana, e desputarano Paquistán e a peculiar selección organizadora: as Indias Occidentais. As pequenas nacións de San Cristovo e Nevis, Trindade e Tobago, Santa Lucía, Antiga e Barbuda, Güiana, Barbados, Granada e Xamaica, reunidas nesta denominación dende 1928, acollerán todos os encontros do campionato.
Pero non é esta a única agrupación nacional curiosa, porque en críquet as dúas metades de Irlanda (a do Norte e a República do sur) compiten baixo unha mesma bandeira dende 1855. E, por suposto, Inglaterra e a cinsenta Escocia (cinsenta cando menos no críquet) estarán tamén presentes no mundial de 2007 como seleccións de seu.
Australia, a gran favorita
A priori, quen parte en mellor situación para revalidar o título é Australia, a única selección que levou en tres ocasións para a casa a Copa Mundial de críquet. Terá que ter coidado coa República de Sudáfrica, coa que precisamente se enfrontará na fase previa, pois é a selección que chega cun mellor resultado neste ano. Os australianos veñen de esmagar a Inglaterra nun longo test que durou todo xaneiro. Os outros cabezas de grupo serán Sri Lanka, Nova Celandia e Paquistán.
Para saber a solución teremos que agardar bastante: ata o 28 de abril non saberemos se os australianos comandados por Ricky Ponting puideron conquistar o título de campións mundiais de críquet sobre o elíptico céspede de Bridgetown, en Barbados. E sempre nos quedará o satélite.