O aparello emprega a fusión para xerar enerxía, aínda que só chega para quentar un café.
Thiago Olson, un rapaz de Michigan, nos Estados Unidos, construíu un reactor nuclear no garaxe da súa casa. O aparello xurdiu como resultado dun proxecto científico que comezou cando tiña 15 anos.
Despois dun ano de investigación e outro de construción, Olson xa forma parte do reducido grupo de privilexiados que construíron o seu propio reactor de fusión nuclear. Porén, a enerxía que produce o aparello creado polo estudante apenas permite quecer unha cunca de café, e precisa de deuterio e 45.000 voltios de electricidade para funcionar.
Para chegar ao seu obxectivo, Olson leu libros de física avanzada e empregou a internet para atopar pezas baratas e axuda doutros afeccionados, aínda que o seu interese foi principalmente autodidacta. Agora que o reactor xa está rematado, Thiago enfróntase ao seu próximo reto: buscar praza nunha universidade; mais, co seu currículo, non lle ha resultar difícil.
A revista Popular Science, que publica a reportaxe, ofrece tamén un vídeo en que o novo científico explica o funcionamento do aparello: