Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
EN LIÑA MORTA

Á APDR preocúpalle a falta de decisión do goberno galego no tema ENCE

A chegada do PSOE e o BNG ao goberno da Xunta de Galicia, supuxo entre outras cousas un cambio de actitude verbo do tema ENCE, e xenerou sen dúbida moitas expectativas na meirande parte da xente que loitamos por ver unha Ría de Pontevedra libre de empresas contaminantes, saneada e recuperada para a creación de postos de traballo e para o lecer e disfrute da cidadanía.

Asociación Pola Defensa da Ría, ENCE - 23:39 08/04/2007
Tags:

Supuña, desde logo, un posicionamento radicalmente oposto á actitude de absoluta connivencia –cando non submisión- dos gobernos do PP para con ENCE-ELNOSA. Abonda con lembrar que entre os acordos programáticos do goberno bipartito figura o de eliminar o complexo, o principal foco contaminante da nosa Ría, e a búsqueda dunha ubicación alternativa. Daquela na “Asociación Pola Defensa da Ría” fixemos a oportuna declaración ao respecto e animabámos á Xunta de Galicia a actuar de fronte, coa valentía dun goberno que se sabe co respaldo da práctica totalidade da poboación directa e indirectamente afectada.


Foron moitas desde esa data as declaracións públicas realizadas por diferentes membros do goberno; moitas e non sempre tranquilizadoras. En efecto, xunto a declaracións abertamente decididas no sentido de que o complexo ENCE-ELNOSA non pode seguir por máis tempo na Ría de Pontevedra, teñen aparecido en demasiadas ocasións “coletiñas” que amosan certa subordinación destas posicións aos intereses da fábrica pasteira. No tema dos prazos para a creación dunha mesa negociadora entre ENCE e a administración, ou para fixar a data de saída da empresa da actual ubicación, a “dependencia” semella evidente; outro tanto pódese dicer ao respecto dunha posibel proposta de ubicación alternativa. Foron moitos os prazos fixados polo goberno galego (ou por varios dos seus membros, incluíndo ao seu presidente) para o inicio das negociacións e mesmo para dar a coñecer esa nova ubicación; moitos e sempre incumpridos.

Evidentemente, esta situación preocúpanos na Asociación, por máis que sexamos conscentes das dificultades que supón o problema e que saibamos que a solución definitiva non vai vir da noita para a mañán; preocúpanos ainda que sabemos do papel fundamental que ten que seguir xogando a sociedade civil para impedir unha eventual volta atrás nas posicións gubernamentais. Preocupanos, en efecto, que se deixe caer cada certo tempo que “hai tempo até o 2018” ou que “a empresa ten direito a permanecer en Lourizán até esa data”; preocúpanos, como non, porque para eso non fan falta declaracións pomposas nun programa de goberno, porque para eso abonda con deixar pasar o tempo e facer logo cumprir a Lei. Preocúpanos tamén porque sabemos que existen moitos incumprimentos da lexislación por parte de ENCE (entre outros o da súa ubicación, ilegal dacordo co RAMINP) que calquera goberno que queira rematar coa inaceptabel situación do complexo debería utilizar como arma fronte aos que pretenden continuar de por vida estragando o noso medio natural, a nosa economía e a nosa saúde e calidade de vida. Calquera goberno, coa lei na man, podería pechar hoxe –e de forma definitiva- o complexo, tal e como esixe a nosa asociación.

As últimas declaracións de Teresa Táboas, Conselleira de Vivenda e Solo, e do propio presidente da Xunta de Galicia non axudan, por desgracia, a mitigar a preocupación. Aínda que deixa claro que o seu departamento non ten as competencias para levar adiante as conversas coa fábrica, admite a Conselleira que o tema está parado, e mesmo que “ENCE non ten solicitado nengunha parcela para facer fronte ao traslado” engadindo logo que o seu departamento “está á súa disposición para atopar un lugar alternativo”. Pola súa banda o Sr. Touriño admite que estamos nunha situación de “impasse” e di que “ENCE non está en disposición de asumir o coste do traslado”. Está agardando a Xunta a decisión de ENCE de mudar de ubicación? Depende, xa que logo, o traslado de ENCE dos desexos dos seus propietarios, de que a operación lles sexa rendibel economicamente, ou mesmo de que lle guste ou non o sitio que lle ofreza o goberno galego?. Terá que pagar a cidadanía o peche dunha fábrica que sigue a incumprir a lexislación?. Desde a APDR queremos lembrarlle ao goberno galego que tanto ENCE como ELNOSA deben abandoar xa Lourizán e que teñen a obriga de deixar a zona tal e como estaba no momento da súa chegada nos anos 50. Cicais se desde a Xunta lle fixeran chegar este recado a ENCE contribuirían a rebaixar o nível de preocupación da poboación e a salvar a situación de “impasse”.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: