Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Xosé Ramón Piñol, fiscal do TSXG

"Debería modificarse axiña a lei, porque o voto emigrante manipúlase con moita facilidade"

O fiscal responsábel da investigación sobre irregularidades avisa de que o sistema permite que se reproduzan "vellas fórmulas trasnoitadas, como o caciquismo".

Europa Press - 09:00 02/05/2007

As advertencias desde a fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non se cinguen ao voto emigrante e o fiscal responsábel da área concreta de investigación sobre fraudes electorais aposta por reformar a actual Lei Orgánica do Réxime Electoral, como vía imprescindíbel para reforzar as garantías do dereito ao voto. En entrevista con Europa Press, Xosé Ramón Piñol recoñeceu as dificultades de actuar a tempo contra as manipulacións do censo electoral, como é o caso dos empadroamentos presuntamente fraudulentos que son noticia nas últimas semanas.

Actualmente, a fiscalía do TSXG abriu unha investigación centrada en posibles "irregularidades" na captación do voto emigrante e no crecemento "desproporcionado" e "altamente sospeitoso" nos censos electorais dalgúns municipios galegos, co obxectivo de comprobar se se pode derivar algunha infracción penal.

As investigacións son coordinadas por Piñol, quen se laia de que exista unha "deficiencia de regulación das normas electorais" en canto ao dereito a voto dos emigrantes inscritos no censo de residentes ausentes (CERA), que en Galiza está integrado por máis de 319 mil persoas. Na súa opinión, "con moita facilidade un señor remite a documentación correspondente sen moito control e é moi difícil saber que ese non é un voto cativo".

O fiscal defende que diante destas mostras de "pillería" co voto da diáspora, é necesario "reaccionar rapidamente" para reforzar as garantías legais. Ao respecto, manifestou estar de acordo cunha reforma da Lei Electoral neste sentido "para que haxa menos fendas do sistema que aproveite o pícaro para facer cousas raras". E porén, apuntou que é tamén necesario que os axentes políticos e os partidos se conciencien de que este tipo de actitudes constitúen "un mal para todo o sistema democrático" porque "sempre hai mecanismos para que a xente os salte". "A clave estaría nunha especie de gran pacto ou dunha asunción por parte de todos de que hai comportamentos que non se poden manter, aínda que só sexa por respecto ás regras do xogo democrático", reflexionou.

Problemas para perseguir os delitos
Piñol recoñeceu as "dificultades" que existen para perseguir este tipo de delitos electorais porque se trata de "xente moi profesional", que sempre está "un pouco no límite" utilizando resortes legais, e tamén pola distancia respecto ás comunidades de emigrantes máis numerosas.

Ao respecto, exemplificou esta circunstancia con casos como as peticións de voto antes de abrir a campaña electoral ou que os partidos faciliten a tramitación do voto, xa que sempre xustifican que o único que fan é facilitar o proceso remitindo os papeis, "pero que logo cada un votará a quen queira". "A percepción cidadá pode ser a de que hai unha ilegalidade, pero dende o punto de vista legal, non hai unha especie de incitación ao voto", aclarou. "Non é doado atopar vulneracións tan claras e tallantes porque son manobras sutís do que di sen dicir", agregou ao ser preguntado se existe certa impunidade.

Sobre as dilixencias por empadroamentos "un tanto inexplicábeis" en concellos galegos, Piñol explicou que se trata dun "traballo inxente" porque é "unha investigación xeral" sobre municipios nos que existen "sospeitas" e apostou por resolver "canto antes" este traballo para non interferir sobre a campaña das municipais do 27 de maio. "A fiscalía non quere que, se ao final se emprende algunha actuación xudicial, se puidese interpretar que aparece unha bomba informativa do fiscal", resaltou.

Ao respecto, indicou que se desa investigación se derivasen actuacións penais, non daría tempo á súa resolución xudicial antes da cita coas urnas. Ao seu xuízo, a LOREG "debería mellorarse" neste punto porque a Oficina do Censo Electoral "ten moi complicado" detectar "incrementos masivos e fraudulentos" de empadroamentos e, dadas as marxes temporais "tan perentorios", é complicado repoñer a legalidade. "En moitos casos, se non se puido reaccionar ante irregularidades nuns prazos breves, e despois é practicamente inatacábel", advertiu.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: