Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
As estratexias cara ao 27M

Vigo e Ourense concentrarán os maiores esforzos dos grupos políticos en campaña

A maquinaria electoral de PPdeG, PSdeG e BNG funciona xa a pleno rendemento. Entre outras anécdotas: a volta de Fraga ao escenario político galego.

Redacción/Europa Press - 09:00 07/05/2007

Conseguir a maioría absoluta en Vigo é a gran prioridade do PPdeG para estas eleccións municipais en Galiza. De xeito global, a campaña dos populares galegos quere mudar a tendencia dos últimos comicios e recuperar cota en todos os núcleos urbanos e de xeito especial, conseguir o favor entre a mocidade, onde os estudos amosan que a forza claramente minoritaria. Alén de centrar esforzos en manter as alcaldías que xa teñen nas cidades, no resto de cidades os populares din ser máis optimistas en Pontevedra.

Segundo lle explicou o PPdeG a Europa Press, o partido realizará dous mitins por día durante as xornadas de campaña, así como "actos de todo tipo" a nivel municipal polas mañás. O presidente do PP a nivel estatal, Mariano Rajoy, confirmou a súa presenza en Vigo o próximo 14 de maio, aínda que o obxectivo é que entre a campaña e a precampaña visite as sete grandes cidades. Tamén o ex presidente da Xunta e do PPdeG, Manuel Fraga, se implicará activamente na primeira campaña electoral en 16 anos que afrontan os populares sen o político vilalbés á fronte. Fraga estará en "oito ou dez mitins" nas catro provincias galegas. O ex presidente do goberno español José María Aznar, en principio só estará nunha cea mitin en Ferrol o 18 de maio.

Entre as principais ideas de campaña que pretenden lanzar os populares, están a de que só gobernarán onde sexan a forza máis votada. A súa estratexia pasa tamén por criticar con belixerancia os pactos de socialistas e nacionalistas. O PPdeG insistirá en denunciar os "problemas do bipartito", advertindo que esas desavinzas se trasladarían aos concellos onde se reedite o pacto.

PsdeG
Desde o próximo venres e até o 25 de maio, o presidente da Xunta e secretario xeral do PsdeG, Emilio Pérez Touriño, protagonizará un mitin diario. Touriño visitará as sete cidades e as cabeceiras de comarca máis importantes. Por outro lado, conselleiros socialistas, e deputados no Congreso e no Parlamento, ademais de cargos orgánicos, repartiranse múltiples intervencións até o 27 de maio, sen deixar comarca sen atender. Non se prevé a presencia do presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, que estivo esta fin de semana en Vigo. Si estará durante a campaña a vicepresidenta primeira, María Teresa Fernández de la Vega. Do executivo estatal tamén chegarán varios ministros á campaña galega.

Vigo é o gran obxectivo recoñecido pola executiva socialista. Alén da recente visita de Zapatero, teñen previstos outros mitins importantes na cidade. E en Vigo será tamén onde pechen a campaña o venres 25 de maio. Por outro lado, a apertura de campaña será en Ourense. Algunhas das claves fundamentais do manual de campaña do PsdeG inclúen destacar a "renovación das lista"s, superior ao 40% respecto a 2003, e a aposta por un "urbanismo razoábel".

BNG
Santiago de Compostela será escenario da pegada de carteis oficial coa que o BNG abrirá campaña das municipais. O acto de peche será en Ourense, onde os nacionalistas din ter a convicción de que o 27M lles outorgará o goberno da cidade. Pontevedra será outro centro de atención especial, para o reforzo da campaña do actual alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

O Bloque convocará un mitin central diario, onde alén doutros membros da executiva estará o voceiro nacional e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Destaca tamén a volta á caravana electoral do anterior voceiro nacional, Xosé Manuel Beiras, aínda que en principio non está previsto que coincida en actos con Anxo Quintana.

A aposta "pola xente, os servizos sociais, a vivenda e a calidade de vida" é a clave do manual do BNG para esta campaña, arredor do lema "Concellos pensados para ti". Os nacionalistas aspiran a subliñar a "proximidade" aos cidadáns da formación, destacando a súa proposta de "rexeneración" municipal cara a unha "nova ética política". Ademais, salientarán o lema "Desde os concellos tamén se fai país".


3,5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: