O xornal La Voz de Galicia publicou este domingo a primeira enquisa sobre intención de voto nas sete cidades de Galiza. O medio de comunicación sinala que Vigo e Ourense son os dous municipios onde a loita semella máis intensa.O traballo demoscópico vaticínalle unha forte subida aos do PP vigués. A alcaldesa Corina Porro pasa de 10 a 13 concelleiros e queda ás portas da maioría absoluta. A enquisa da un empate entre Abel Caballero(PSdeG) e Santi Domínguez(BNG) que obterían sete edís cada un.
Na Coruña as espadas están en alto. O socialista Xavier Losada terá que esforzarse para manter a maioría absoluta. A enquisa da Voz sitúa aos nacionalistas como a segunda forza máis votada (7 concelleiros, 1 máis ca en 2003), por diante do PP( que quedaría con 6). Os experimentos de Corcoba (independente) e de Carlos Marcos (PG) semellan condenados ao fracaso e quedar fóra do edificio de María Pita. Ourense é nestes momentos unha das máximas prioridades do PP. A enquisa dalle a Enrique Novoa unha apertada maioría absoluta(14). O BNG (7) tería opcións serias para chegar á alcaldía nunha coalición cos socialistas (6).
Bugallo en boa forma
Na capital de Galiza o estudo sinala que os socialistas de Bugallo (12) poderían subir un concelleiro a costa do PP(9). O BNG manteríase nos catro concelleiros. Lugo tamén repetiría alcalde socialista e os nacionalistas gañarían un a costa dos populares (PSdeG, 13; PP, 8; BNG, 4).A enquisa dalle os resultados máis espectaculares ao PSdeG en Ferrol. Os socialistas pasarían de catro concelleiros a oito e convertiríanse na forza máis votada. O PP lograría 6; BNG, 4; Independentes por Ferrol, 4; e Esquerda Unida 3. Por último, Pontevedra seguiría a ter un alcalde nacionalista. Porén, en La Voz coidan que os de Lores poden ceder un concelleiro polo camiño (PP, 10; BNG, 9; e PSdeG, 6).