O colectivo ESAIT convocou unha manifestación na que han reclamar que as seleccións deportivas vascas poidan xogar partidos internacionais. Será o día 29 de decembro, coincidindo co partido contra Cataluña.
O vindeiro 29 de decembro, (dous días despois de que Galiza se enfronte a Camerún e a Cataluña), a selección vasca xoga contra a catalá en San Mamés.
Aproveitando o partido, a plataforma ESAIT convocou unha manifestación pola oficialidade das seleccións deportivas vascas que percorrerá as rúas de Bilbo baixo o lema, "Nazio bat, selekzio bat" (o mesmo que o das Siareir@s Galeg@s, "Unha nación, unha selección").
Pola presenza dos equipos vascos nas competicións internacionais
Na presentación da xornada reivindicativa, os ex xogadores do Athletic Mendiguren e Endika, membros da plataforma ESAIT, salientaron que esta "vai ser unha gran manifestación" e anunciaron a súa próxima campaña que, segundo dixeron, vaise desenvolver "vila a vila, barrio a barrio e clube a clube" o que lles permite pensar que o día 29 van ter unha "gran resposta" da sociedade vasca.
Despois, membros da plataforma lembraron que hai nada os xogadores da selección vasca "foron linchados política e mediaticamente" por portar unha faixa, durante un amistoso en Venezuela, na que se podía ler "Somos unha nación", e inseriron estes feitos nos últimos tentos do goberno español por "impedir a presenza dos equipos de Euskal Herria no ámbito internacional".