Os cambios complétanse co nomeamento de Silvia Longueira como vicepresidenta e a incorporación de María Xosé Bravo á Executiva do patronato
A Fundación Seoane ten novo director, Alberto Ruíz de Samaniego, que substitúe no cargo a Silvia Longueira (concelleira de Servizo Sociais), que pasa a ser a nova vicepresidenta, a proposta de Isaac Díaz Pardo. María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da Coruña, entrará a formar parte da comisión executiva do patronato.
Ruíz de Samaniego ocupará o cargo a partir de marzo. Isto, unido a que a programación para o 2008 está practicamente pechada, fará que os primeiros cambios na xestión deste espazo cultural non comecen a notarse até o 2009. En calquera caso, o novo director valora positivamente o traballo realizado pola fundación nos últimos anos, unha vez que se instalou na súa sede definitiva: "é unha proposta moi fresca, moi participativa, que enfatizou a presenza da arqueoloxía do presente, e que conseguiu un equilibrio adecuado entre as propostas galegas e as de fóra".
Polo tanto, a xestión de Ruíz de Samaniego conterá unha boa parte de continuidade nas tendencias xa encetadas, moi centradas na modernidade. Para o novo director, ese é o papel que debe cumprir a Fundación: "A Coruña é unha cidade volcada no progreso, na modernidade, e todas as actividades da Seoane debe levar esa marcaxe".
Entre os aspectos que enfatizará a partir do 2009 está unha meirande aposta pola interconexión entre artes, aumentando a importancia das prácticas artísticas non plásticas, e unha maior vontade por concectarse ás creacións internacionais. Así mesmo, incidirase nas construcións teóricas, seguindo o exemplo do propio Luís Seoane.
Entre a docencia e a arte
Alberto Ruíz de Samaniego é doutor en Filosofía pola Universidad Autónoma de Madrid e profesor titular de Estética e Teoría das Artes na Universidade de Vigo. Compaxina a docencia coa arte, sendo crítico cultural e comisario de exposicións. Entre outros, comisariou o Pavillón Español da 52 edición da Bienal de Arte de Venecia.