A Asociación pola defensa da Ría ven de remitir á dirección executiva do sistema de certificación forestal do FSC (Forest Stewardship Council) o seu rexeitamento ao resumo público do informe da auditoría realizada pola súa propia entidade de certificación, ASI (Acreditation Service International) para comprobar as malas prácticas, opostas aos estándares do sistema, que realiza a empresa forestal filial de ENCE, NORFOR, que se atopa en posesión do certificado de xestión forestal sostible do FSC. Estas malas prácticas veñen sendo denunciadas por organizacións ecoloxistas dende que se concedeu o selo e supoñen unha xestión forestal claramente insostible a nivel ambiental, económico e social.
O certificado de xestión forestal sostible foi emitido en outubro de 2004 pola empresa certificadora recoñecida polo FSC, SGS (Société Générale de Surveillance), para as 12.000 hectáreas de plantacións que xestiona NORFOR, ben en propiedade ou ben en aluguer ou consorcio con Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
Dende a emisión do certificado, o movemento ecoloxista que viña apoiando ao sistema do FSC, expresou o seu rexeitamento á mesma e presentou reclamacións diante da empresa certificadora SGS e diante dos órganos executivos do FSC aportando evidencias de incumprimentos manifestos dos estándares do sistema, incompatibles co mantemento do certificado a NORFOR; sen embargo, este non foi retirado. As reclamacións formais presentadas por GREENPEACE, WWF/Adena e a Asociación Pola Defensa da Ría, levaron por fin ao FSC, a través da súa entidade de certificación, ASI, a auditar o proceso de certificación de NORFOR e a adecuación do propio certificado. En novembro de este ano FSC fixo público o informe da auditoría realizada.
O informe da auditoría que ASI do FSC ten realizado ao proceso de certificación de NORFOR e ao sistema de xestión forestal da empresa resulta ser non so de moi baixa calidade senón manifestamente fraudulento, na medida en que non recolle máis que unha mínima parte das obxeccións que o movemento ecoloxista e a Asociación Pola Defensa da Ría en particular tiñan expresado á certificación da filial de ENCE. O FSC tivo a oportunidade de comprobar unha lista de aspectos controvertidos que dende os grupos reclamantes se lle tiña feito chegar en forma de queixas descritas con claridade e demostradas de forma exhaustiva a través de evidencias contrastables, pero estas non foron tidas en conta nin na preparación nin na realización da auditoría no campo; aínda que se recoñecen graves fallos no proceso de auditoría e serios problemas de incumprimento de principios e criterios do FSC na xestión forestal de NORFOR, non se da resposta á maior parte dos incumprimentos dos estándares denunciados polo movemento ecoloxista. FSC ten realizado unha auditoría parcial, sen ter en conta as causas de controversia na certificación, sen atender ao contido das reclamacións realizadas e sen analizar máis que unha mínima parte dos aspectos que figuran nas queixas presentadas pola Asociación Pola Defensa da Ría.
Pero o aspecto máis grave da decisión tomada por FSC é o significado que de cara ao futuro do sistema de certificación esta posúe. Ao ter decidido, diante dun caso demasiado evidente de concesión irregular dun certificado, manter o selo á empresa forestal NORFOR, sendo conscientes de que se están a incumprir os principios nos que se fundamenta o sistema, FSC decídese de modo claro polo camiño do fraude para manter un negocio que se constrúe sobre millóns de hectáreas certificadas sen importar como estean xestionadas.
Non é NORFOR desde logo a única certificación contestada dende o movemento ecoloxista e outros movementos sociais; WWF/Adena ten feito unha reclamación contra a certificación da filial forestal de ENCE no sur de España, SILVASUR, e tense protestado tamén a certificación da súa filial en Uruguai EUFORES. En todo o mundo existen empresas con certificados fraudulentos que son rexeitados por organizacións locais por incumprir de forma grave os principios e criterios nos que se fundamenta a certificación.
En países de Europa téñense reclamado certificados concedidos de forma irregular, en Irlanda e Polonia; en Suecia, a SNCC (Swedish Society for Nature Conservation) ven de presentar unha queixa, con extenso soporte técnico e fotográfico, contra as talas a matarrasa con grave perda de biodiversidade realizadas pola certificada SCA. Existen certificacións problemáticas en todo o mundo.
“O taboleiro contrachapado estaba manchado de sangue” afirmaron recentemente GREENPEACE e Ecoloxistas en Acción en referencia ao produto elaborado pola empresa colombiana certificada polo FSC, Pizano, explicando que contiña madeira procedente dunha zona de conflito onde guerrilla, paramilitares e exército combaten polo control do territorio. En Ecuador, Edesa Botrosa foi certificada deixando na impunidade, de acordo co grupo ecuatoriano Acción Ecológica “anos de destrución dos bosques virxes da costa ecuatoriana, golpes, maltrato, queima de casas, ameazas e secuestros a campesiños do lugar que se teñen mantido firmes na defensa do bosque, corrupción en cortes de xustiza e unha serie de irregularidades máis” Existen polo tanto empresas repartidas por todo o mundo que, sendo denunciadas por malas prácticas forestais ou incluso por graves atentados contra os dereitos humanos, posúen o certificado do FSC e venden produtos co selo FSC. En Uganda téñense comprobado tamén violacións dos dereitos humanos en bosques certificados. En moitos países pobres os cidadáns, carentes de recursos técnicos e económicos para presentar e manter reclamacións, desisten de realizalas ao ver que o esforzo resulta inútil e que as empresas, moitas veces grandes multinacionais, conservan sempre os certificados.
Existen en definitiva en todo o mundo plantacións e sistemas de xestión forestal con certificado do FSC (pódese consultar o observatorio FSC-Watch dende onde se seguen as queixas contra certificacións irregulares) que non so non cumpren os principios nos que se apoia a concesión do selo e provocan graves danos ambientais, económicos e sociais senón que, en algúns casos, detrás de empresas certificadas se están a producir serias violacións dos dereitos humanos, que son denunciadas polos movementos sociais e negadas dende a Dirección Executiva do FSC.
Diante desta situación, a Asociación Pola Defensa da Ría considera necesario alertar aos cidadáns do fraude que se agacha detrás desta certificación “verde”. Ao mercar un produto co selo FSC, nada garante que este non proceda de plantacións xestionadas do modo insostible -isto é o máis probable si ese produto procede dun monocultivo intensivista- ou o que é peor, este produto pode estar elaborado con madeira procedente de talas ilegais ou de explotacións madeireiras onde se cometen graves atentados contra os dereitos humanos. Ningún dos dous sistemas de certificación forestal existentes no estado, o sistema paneuropeo, PEFC, e o FSC poden garantir que os produtos procedan de montes ben xestionados e é frecuente que detrás destes selos se oculte unha xestión que provoca danos tanto a nivel ambiental, social e económico.