Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 12 AO 16 DE MARZO

O Play-Doc denunciará a violencia de xénero

A cuarta edición do festival internacional de documentais de Tui proxectará 28 documentais que pasaron a selección entre os máis de 600 recibidos.

Redacción - 18:20 25/02/2008

Francia, Holanda, Romanía, Israel, Brasil, Suíza, Alemaña, España e Galiza son os lugares de procedencia dos 14 documentais que este ano compiten na Sección Oficial do festival, que nesta edición estrea categoría para documentais galegos. Un xurado internacional encargarase de repartir os premios que este ano suman un total de 9.000€.

O Play-Doc 2008 incluirá tamén un especial sobre a obra do recoñecido realizador independente Lech Kowalski, no que se presentará a súa triloxía The Wonderful Art of Surviving e a xa habitual sección de documentais de música, na que os protagonistas dos documentais tocarán en directo nas noites de Play-Doc.

Destaca asemade unha sección especial dedicada á violencia de xénero, na que se poderán ver varios filmes centrados na violencia sobre a muller. I'm Scared da realizadora polaca Karolina Bendera, Bajo Juárez: a cidade devorando ás súas fillas dos mexicanos Alejandra Sánchez e José Antonio Cordero e Le Papier ne peut pas Envelopper a Braise do veterano e prestixioso realizador camboyano Rithy Pan, serán as películas que sobre este tema se proxectarán ao longo do festival entre o 12 e o 16 de marzo.

Play-Doc ofrecerá tamén unha nova sección co máis experimental do cine documental, na que se presentarán cinco pezas realizadas con técnicas de animación. Esta curiosa mestura entre documental e animación é posíbel grazas á cada vez máis difusa fronteira entre xéneros. Os resultados desta arriscada proposta sorprenderán aos espectadores pola súa complexidade técnica, beleza e orixinalidade.

Maratón Play-Avid

Nesta edición, Avid volve organizar conxuntamente con Play-Doc o Maratón Play-Avid.doc, cuxo obxectivo non é outro que formar e promocionar os novos talentos audiovisuais. Os participantes seleccionados terán que plasmar toda a súa capacidade creativa na realización dun curto documental que rodarán integramente en Tui durante a súa estancia na cidade. Outro dos obxectivos do curso é facilitar a estes novos creadores a realización das súas longametraxes documentais. Este foi o caso, por exemplo, de Fronteiras, do director Ruben Pardiñas, que se presentou na edición pasada do festival e que obtivo un exitoso percorrido noutros certames.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: