O festival de documentais de Tui remata a súa cuarta edición cun grande éxito público, que chegou aos 5.000 espectadores
Cinco días, documentais, curtas, longas, concertos, bo ambiente e máis de 5.000 espectadores describen a cuarta edición do Play-Doc de Tui que o domingo deu por clausurado o festival coa presentación dos proxectos realizados no concurso Play-Avid.doc e a entrega de premios do certame.
O xurado galego, conformado por Pepe Coira, Daniel Domínguez e Eduardo Galán, decidiu premiar ao director Eloy Enciso pola súa obra Pic-Nic, na categoría de mellor documental galego, polo seu "rigor na construción dun dispositivo cinematográfico que nos permite achegarnos a momentos de vida que, de outro modo, a cámara non sería capaz de atrapar".
Na sección de longametraxes, foi o filme camboxano "O papel non pode envolver a brasa", de Rithy Pan, o que se fixo co primeiro premio grazas á súa "mirada crítica" e á "construción fílmica", segundo indicaron os membros do xurado internacional, formado por Jaime Pena, Karolina Bendera, Jaime Nieves, Carlos Jerónimo e Marta Andreu. Neste filme, o director recrea a vida dunha prostituta ao tempo que narra o proceso de destrución espiritual e física que sofre.
Por último, no apartado de curtametraxes o premio, dotado con 2.000 euros, recaeu n'O xastre, unha obra de Óscar Pérez galardoada pola súa "contundencia fílmica".
Novos talentos audiovisuais
O Play-Doc estase a converter nun dos mellores escaparates para mostrar o talento dos novos artistas audiovisuais galegos. A través do concurso Play-Avid.doc, o festival tudense ofrece aos novos realizadores a posibilidade de crear unha obra, de non máis de catro minutos, durante os catro días que dura o festival sobre un tema común para mostralo ao público asistente no último día do certame.
Os gañadores foron Diana Gonçalves de Tui, e Miguel Barbosa, de Allariz, polo seu traballo Trapicheiras, outorgado polo público do festival e que suporá a conversión do seu traballo nun documental de longa duración. Partindo da interpretación da palabra "camiño", premisa para todos os grupos seleccionados para este concurso, e en catro minutos, estas dúas promesas do noso audiovisual contan a historia das "trapicheiras" e da ruta que realizaban a través da fronteira entre Galiza e Portugal.