Organiza un cabaré colectivo para o 'home orquestra', falecido o pasado mes de marzo.
Miguel de Lira, Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo, Xron, Víctor Mosqueira, Mónica García, Pepa Yáñez, Iria Pinheiro, Os da Ría, Xacobe Martínez, Max Gómez, Marcelino Galán, Lara Bacelo, Pablo Castaño ou Combo Roxo serán algúns dos participantes no cabaré colectivo que homenaxeará a John Balan, falecido o pasado mes de marzo. Serán tres días de humor, cancións, baile e teatro, de cabaré en definitiva, acompañados de vídeos e filmes sobre o home orquestra de Marín que tanto e a tantos fixo rir.
Hai xa moitos anos a NASA, que comezaba a súa andaina, contactou con John Balan para convidalo a actuar nunha Ultranoite. Buscaban referentes para o xénero cabareteiro galego "e o único artista da noite con dignidade a proba de bombas era Balan". Foi un auténtico home-orquestra, tocou a porta, soltou foguetes, imitou a toda a banda, ao paragueiro, mesmo chegou ao canto difónico, interpretou as súas películas, soltou unhas parrafadas en inglés e agradeceu moito a atención que se lle prestara.
Despois chegaron outras ultranoites nas que Balan seguiu brillando. Na ultranoite desta fin de semana non estará fisicamente, pero será o protagonista, unha vez máis. Será o xoves 29, venres, 30 e sábado 31, a partir das once da noite, con entradas entre oito e dez euros.