Tras a segunda sesión de adestramentos colectivos, Álvaro Pino decidiu a formación que vai participar na 'Vuelta a Madrid'.
O segundo adestramento colectivo do Karpin Galicia permitiulle a Álvaro Pino confirmar a relación de corredores que o equipo galego presentará na 'Vuelta a Madrid', que se desenvolve na comunidade madrileña do 18 ao 20 de xullo, competición coa que iniciará a segunda parte da tempada.
A selección de corredores estará composta por: David García, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Alejandro Paleo, Alberto Fernández, Vladimir Isaychev, Carlos Castaño e David Herrero. Para cubrir calquera posíbel continxencia estarán preparados Delio Fernández, Ramón Troncoso, Juan F. Mourón e Gonzalo Rabuñal.
A segunda xornada de adestramentos colectivos
Ezequiel Mosquera, ausente o primeiro día, sumouse a esta segunda xornada de adestramentos realizada sobre un percorrido de 130 quilómetros con dous portos. O primeiro, entre Gondomar e Tui (San Antoniño), subiuse a ritmo; e sobre o segundo, de regreso a Vigo, entre Porriño e Gondomar (San Cosme) realizouse un test máis esixente.
Álvaro Pino, que se atreveu a subir á bicicleta nesta xornada, valorou moi positivamente a sesión na que os corredores se empregaron con distintos graos de intensidade, atendendo a programacións deportivas dispares. Ao terminar a sesión, Pino amosouse satisfeito, tanto polo magnífico ambiente que transmite o grupo (ao que concede unha contribución significativa aos éxitos do equipo na presente campaña), como pola excelente actitude de todos, moi centrados no seu programa de traballo.
A canteira, probando co equipo profesional
A este adestramento asistiron os ciclistas sub 23 Mauro González e Adrián Sánchez (Super Froiz) e Sergio Míguez e Noé Rodríguez (Chint - Autronic); tamén se incorporaría ao grupo a ciclista do Klimanor Marina González. A terceira sesión realizase en Negreira.