Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ARTE DE OUTONO

CGAC, Marco e Seoane inauguran novas exposicións

A retrospectiva do brasileiro Waltercio Caldas, no museo compostelán, é a novidade máis interesante.

Redacción - 11:45 19/09/2008

Waltercio Caldas é un artista con obras que adoptan a formas da escultura, do deseño, do teatro, dos libros e mesmo dun xardín. Na presentación, Manuel Olveira apuntou que se ofrece unha retrospectiva "non cronolóxica", na que se combinan traballos anteriores do artista, "algúns deles nunca expostos ata agora", con obras producidas ex profeso para a especial conformación espacial das salas de exposición do CGAC. Así, en Santiago poderán verse algunhas das xa expostas noutros ámbitos, como as que participaron na 52ª Bienal de Venecia en 2007 e outras creadas de forma específica para 'Máis lugares', como 'Primeiro sinal', 'Quarto amarelo IV', 'Verde por dentro' e 'Superficie internacional'.

Olveira destacou que a obra de Waltercio Caldas é "moi elegante e chea de destalles", á vez que resaltou que se observa "un diálogo moi potente" entre as pezas do artista e o edificio do CGAC. Segundo Olveira, trátase dun creador que traballa co "espazo difuso" e apuntou como característica da súa obra que "baleira máis que chea". O director do CGAC insistiu en que no traballo deste artista o baleiro é "tan importante como o espazo físico" e non dubidou en mencionar a súa capacidade de ofrecer "unha potencialidade nova" a obxectos e espazo.

Pola súa banda, o artista brasileiro explicou que a exposición 'Máis lugares' foi concibida durante un ano e admitiu que lle atraeu o "desafío" que supuña pór en relación a súa obra co edificio do CGAC. A Waltercio Caldas, o edificio deseñado por Siza pareceulle "estimulante". A exposición permanecerá aberta até o 7 de decembro.

Arte e maxia no Marco

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo tamén inaugura exposicións, abrindo o calendario de eventos até final de ano. A mostra colectiva A grande transformación. Arte e maxia táctica reúne máis dunha vintena de proxectos que xiran ao redor do interese da produción artística contemporánea pola maxia e o polo oculto. Permanecerá aberta até o 11 de xaneiro de 2009 e que ten como comisaria a Chus Martínez, e obras de artistas recoñecidos como Allen Ruppersberg, Mike Kelly, Eduardo Navarro, Claire Fontaine, Joachim Koester, María Laboda, Goshka Macuda e Roberto Cuoghi, entre outros.

O 10 de outubro inaugurarase a mostra 7+1 project room, comisariada por Gerardo Mosquera. Consta de sete salas, que acollen as propostas de Mónica Bonvicini, Tania Bruguera, Kendell Geers, Thomas Hirchhorn, Teresa Margolles, Jorge Perianes, Fernándo Sánchez Castillo e a de Young Hae Chang.

A escultura no cinema de Fritz Lang, na Coruña

Finalmente, a Fundación Luís Seoane da Coruña inaugura este venres unha exposición dedicada a Fritz Lang na que se explora a relación entre a obra do realizador e a escultura, especialmente en películas da súa primeira etapa alemá como Metrópolis (1927), Os Nibelungos (1923-24) ou a serie dedicada ao Dr. Mabuse (1922). A exposición amosa unha selección de obras en distintos formatos: debuxos dos deseños das súas películas, fotografías de gran formato, series de fotogramas, esculturas e maquetas utilizadas nas súas películas, entre as que destaca a famosa Mensch-Maschine, o robot de Metrópolis así como un conxunto de esculturas inéditas en España, realizadas por Fritz Lang ao redor de 1915 en Eslovenia.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha das obras de Waltercio Caldas
Unha das obras de Waltercio Caldas
Na Coruña afóndase na relación entre a escultura e o cinema de Fritz Lang
Na Coruña afóndase na relación entre a escultura e o cinema de Fritz Lang