Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Dubidan da súa autenticidade

A prensa española arremete contra o debut da irmandiña nun Mundial

Critican que o mesmo día no que España comeza o Mundial masculino, Galiza e Cataluña participen "como país" nunha competición "pirata".

Redacción - 12:50 26/09/2008
O Mundial desenvólvese en Reus do 29 de setembro ao 5 de outubro

O Mundial desenvólvese en Reus do 29 de setembro ao 5 de outubro

Esta sexta feira o xornal deportivo madrileño Marca publica, en portada e en páxinas centrais, un artigo no que, baixo o título "Cataluña e Galicia participan nun Mundial 'pirata'", critican o soporte que os gobernos de ámbolos dous países lle dan ao futsal feminino.

A información está encamiñada a criticar a participación nunha competición que porfían por facer pasar por ilegal: "organizada pola AMF (Asociación Mundial de Futsal), unha entidade contraria ás actividades da FIFA", din, ao tempo que salientan que detrás da organización deste evento deportivo está o interese da Generalitat de Cataluña e da Federación Catalá de Fútbol Sala de "botarlle un pulso á FIFA", ao tempo que esta entidade organiza un outro Mundial (para Marca, o auténtico) no que "España aspira a conseguir o seu terceiro título".

A seguir lembran que hai pouco que a AMF (entidade que agora organiza este Mundial e "que non recoñece a potestade da FIFA") admitiu no seu seo á Federación Catalá, o que "propiciou" o polémico encontro entre Cataluña e España, o pasado mes de xuño en Rusia.

Porén, salientan que ningunha das xogadoras da selección catalá neste Mundial vén do Gironella, equipo que xoga na División de Honra, senón de clubes da Liga Nacional Catalá de Fútbol Sala. En canto a Galiza, critican que a conselleira de Cultura e Deporte apoiase a participación das irmandiñas neste evento, a pesar de non estar a Federación Galega representada na AMF. Que Galiza estea incluída no Mundial é obra, segundo este xornal, do presidente da Federación Española de Fútbol Sala, Luis Pena, que é "galego" e "presidente, tamén, da Federación Galega de futsal".

O artigo termina destacando que Unión Europea de Fútbol de Salón (UEFS), englobada na AMF, recoñece á Federación das Provincias Vascas, que, porén, contan, "aínda non chegou a debutar".

Aquel España-Cataluña
No xornal aínda queren deixar claro que os eventos organizados pola AMF non son lexítimos. De feito relembran aquel partido xogado entre España e Cataluña en Rusia, un encontro no que, segundo din, había unha selección vermella que "nada ten que ver cos Kike, Luis Amado ou Daniel que onte (pola quinta feira) viaxaron a Brasil na procura do seu terceiro título".

Porén, cómpre lembrar que acontece realmente entre a FIFA e a AMF. O fútbol sala é un deporte creado no Uruguai hai máis de tres décadas. Daquela naceu a FIFUSA, Federación Internacional de Fútbol Sala, e, nada máis ser creada comezaron as discrepancias coa FIFA. Os primeiros comezan a organizar as competicións deste deporte querendo máis exclusividade no negocio do fútbol sala. No 78 rexistraron as palabras "fútbol sala", quedando para os eventos da FIFUSA a palabra "futsal".

As loitas polo negocio mundial do fútbol sala
O tirapuxa seguiu durante a décados dos 80. Naquela altura, a FIFA usou toda a súa influencia para asumir o control deste deporte e tentou negociar unha fusión coa entidade, pero os acordos fracasaron. Finalmente, en 1989, a Confederação Brasileira de Futebol de Salão marchou do seo da FIFUSA para se integrar na FIFA, o que fortaleceu a entidade presidida, naquela altura, polo brasileiro João Havelange. Enfraquecida, a FIFUSA acabou por se extinguir, mais dos seus restos naceu, en 2002, a que hoxe se coñece como AMF (Asociación Mundial de Futsal).

A AMF conta con 31 afiliados e tres organismos continentais: a Unión Europea de Fútbol Sala (UEFS), a Confederación Sudamericana de Futsal (CSFS) e a Confederación Panamericana de Fútbol Sala (CPFS). Cada catro anos, a AMF organiza o Mundial de futsal (comezou a organizalo en 2003 e o último foi en 2007 na Arxentina). Este ano desenvólvese (entre o 29 de setembro e o 5 de outubro, coa participación de Galiza, ademais doutros 11 países) o primeiro Mundial Feminino da historia deste deporte, que se xogará en Reus, Cataluña.


Ligazóns

4,83/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Portada do diario Marca (clique para ampliar e ver a noticia, con fotografía)
Portada do diario Marca (clique para ampliar e ver a noticia, con fotografía)
Imaxe empregada polo xornal para ilustrar a noticia, na que Marta Souto, Carme Adán e Ánxela Bugallo despiden as irmandiñas
Imaxe empregada polo xornal para ilustrar a noticia, na que Marta Souto, Carme Adán e Ánxela Bugallo despiden as irmandiñas