Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XESÚS RON, 'COMANDANTE' DA NASA

"A solución para o teatro pasa por segmentar, non ver o público como un"

A Sala Nasa abre unha nova tempada, nun ano de cambios no sector: Agadic, Plan Galego de Artes Escénicas...

Marcos S. Pérez - 13:50 03/10/2008

A Sala Nasa é un antigo taller de coches. O único que queda del é un foxo para cambiar o aceite, un foxo no que os comandantes da Nasa levan 15 anos resistindo, creando, arriscando, navegando á contra. O teatro galego vive en permanente crise, con iniciativas illadas, pasos cara adiante e cara atrás, nun escenario con luces (para Xesús Ron, por exemplo, o Centro Coreográfico) e sombras, nos que as salas e proxectos alternativos, como a propia Nasa ou o Teatro Ensalle de Vigo, que cumpre cinco anos, estreando Menos 1, da compañía residente Pisando Ovos.

Até agora, nos dezaseis anos de actividade da sala, a planificación fíxose contando de un en un, sen mirar máis aló. Agora quérense construír proxectos a medio e longo prazo, propoñendo un modelo mixto, deixándose 'contaminar' pola iniciativa pública, sen implicar iso as perigosas subvencións. O obxectivo é asegurar a continuidade da Nasa máis aló dos vaivéns do mercado inmobiliario, ou das circunstancias persoais dos seus promotores, pero mantendo os obxectivos. A Nasa, modelo alternativo de xestión cultural, liderado por artistas e sen ánimo de lucro, "ben dimensionado", cunha "viabilidade demostrada", e misturando a artistas consagrados con autores novos aos que se lles dan as primeiras oportunidades, comeza unha nova viaxe.

16 anos de viaxes espaciais, como está de saúde a Nasa?

De saúde ben, gracias, pero con achaques. Aquí non hai futuro, o local é alugado e non está en venda; temos que asumir calquera reparación que se faga e xa deixamos moitos cartos aquí. E despois está o cansazo de levar aquí traballando 16 anos, non vou dicir nunha precariedade, porque aquí xa pasamos por todas as fases e esta seguramente é das mellores.

O pasado ano facíades un chamamento á administración pública para que se implicase no proxecto, adoptando un modelo de xestión mixta...
Non era tanto unha reclamación como unha reflexión: coa experiencia da Nasa, a proxección que podería ter, e coa percepción que se ten dela tanto dentro como fóra do país, poderíase dotar a Santiago dun proxecto moi interesante: un espazo moi potente que podería servir de interlocutor con outras iniciativas e espazos de todo o Estado e de toda Europa. É un modelo moi orixinal, polo diálogo que crea entre disciplinas, e coas relacións que estabelece cos artistas e cos espectadores.

Falta visión?
A Nasa ten moita proxección e agora mesmo non a está tendo porque carecemos dun espazo e dunhas condicións para facelo posíbel. Nós traballamos nun horizonte de meses vista, hai certos proxectos que non podemos levar a cabo. Non temos a estrutura que necesitariamos para ter certos espectáculos. É máis por ese lado que polo lado económico. Isto é unha reflexión de madurez: cal é a vocación dun proxecto como a Nasa dentro do contexto cultural de Santiago e de Galiza? Permanecer sempre así? Porque se esa é a vocación, nós non temos necesidade ningunha persoal nin profesional de seguir aquí.

E como ves de saúde á escena galega? Que tendencias percibes nos últimos tempos?
A maior novidade é que se está incorporando xente nova, e están aparecendo timidamente proxectos máis híbridos e fronteirizos. O que si cambiou radicalmente foi a danza, coa aparición do Centro Coreográfico. A existencia dunha compañía pública, orientada cara a unha creación contemporánea, traballando con xente galega e xente de fóra, que me parece un bo indicador de saúde, sen prexuízos porque un director sexa de aquí ou de alá. Hai moitas residencias para creadores de aquí e de fóra... Galiza é agora un referente para a danza e están vindo grupos de Madrid ou de Cataluña para traballar aquí, porque o que se fai en Galiza en danza é do máis interesante que hai en todo o Estado. Mira por exemplo o que se fixo co Movs na Illa de San Simón. Agora estase preparando outro encontro de programadores culturais europeos, centrados na danza contemporánea, que van visitar Galiza o ano que vén.

Cales cres que son os grandes problemas do teatro en Galiza?
Aquí a gran lousa é o tema da distribución. Non hai espazos para os espectáculos un pouco 'distintos'; hai redes de distribución de obras 'para todos os públicos' e o que se buscan son espectáculos de consumo que poidan ver dende un rapaz de oito anos até un vello de noventa. Non se atendeu a que o mercado teatral está cambiando, e o non atender a iso está impedindo que aquí haxa unha explosión de creatividade, porque o mercado é moi conservador. A xente que intenta facer algo distinto, cando topa co mercado, non pode continuar; está pasando con Nut Teatro, e pasou hai uns anos con Belmondo. A solución para o teatro pasa por segmentar, non ver o mercado e o público como un. O público crece cando crecen as segmentacións de públicos. A rede galega de salas é un fracaso porque non atende a que as redes e os teatros deben ter unha identidade, recoñecíbel polos espectadores, os profesionais e os medios de comunicación.

E a creación?
Todos os temas de creación e das artes escénicas en Galiza non están moi claros; danse pasos, pero non hai unha visión de conxunto. No Plan Galego de Artes Escénicas o único que quedou sen financiamento foi o apartado de creación, pero por outro lado estánselles dando moitas residencias a grupos novos; o problema é que non se está apoiando a base, a estrutura. Non hai estruturas para a creación; un dos problemas das residencias é que non existen espazos; no Plan Galego de Artes Escénicas reclamouse que había que crear unha rede galega de espazos para a creación, e quedou sen dotación económica porque non se considerou importante, e o sector teatral tampouco apostou por iso.

Quen é o responsábel, ao teu xuízo?
Hai moita queixa entre as compañías e os creadores, como se a culpa sempre fose dos políticos. Pero hai que currar moito máis, e moito máis compromiso. Vexo moi pouca xente que á marxe da queixa estea traballando. A parte máis importante é sempre dos creadores e das compañías, non dos políticos. As compañías van onde máis lles paguen, non atenden a outros criterios, non din 'eu vou traballar neste espazo porque é o máis axeitado para a obra, porque o público está aí'. Nós comprendémolo, porque hai moita precariedade, pero todas as pezas están descolocadas, non é só culpa da parte pública, dos políticos. E por iso moitas veces a reacción dos políticos é moi negativa, porque só lles chegan queixas.


4,19/5 (16 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Presentación dos actos do 15 aniversario da Sala Nasa, en setembro de 2007
Presentación dos actos do 15 aniversario da Sala Nasa, en setembro de 2007