Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Culpa os promotores das obras non realizadas

O superdelegado en Ourense confía en que se arquive a causa contra el por defraudar cartos da UE

Roxelio Martínez insiste en que non é culpábel. O PPdeG apela á presunción de inocencia, e o PSdeG vaise persoar na causa aberta contra el.

Redacción - 14:35 25/05/2009
Rogelio Martínez cando era alcalde de Arnoia

Rogelio Martínez cando era alcalde de Arnoia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Roxelio Martínez, saía esta segunda feira de declarar no xulgado de Ribadavia, confiando en que se arquive a causa aberta contra el por, sopostamente, ter defraudado fondos públicos procedentes da Unión Europea, cando era alcalde de Arnoia (O Ribeiro). Martínez asegurou terlle deixado "claro" á xuíza "como aconteceron as cousas", e que, pola súa parte "non houbo fraude".

Martínez presentábase no xulgado de instrución número 1 de Ribadavia despois de se coñecer a sentenza que ditou a Audiencia Nacional española no seu caso. Neste documento obrígase ao delegado da Xunta e aos responsábeis de acreditar as obras do grupo de acción local Ceivam, a devolver ao Estado máis de 50 mil euros que presuntamente defraudaron dos fondos comunitarios, ao certificaren obras que non chegaron a realizarse. Martínez está acusado de fraude, estafa, malversación de fondos públicos e falsidade documental. No seu momento foi o BNG de Arnoia o que denunciou ao, naquela altura, alcalde deste municipio do Ribeiro.

"Teño moi claro que vou seguir traballando para pór a andar á Xunta en Ourense"
En declaracións aos medios á saída do predio dos xulgados, Roxelio Martínez aseverou que son os "promotores os que teñen que devolver os fondos do plan Leader 2" por accións que non chegaron a completar, e non el mesmo, e argumentou que el acudiu esta segunda feira aos xulgados por unha "imputación procesual". "Agora o xuíz deberá ver cal é a imputación. Quero pensar que hoxe volverá a pedir o arquivo, como en 2006", expresou Martínez, referíndose ao contencioso-administrativo iniciado ese ano por estas supostas axudas cobradas, a no que non foi xulgado.

Así mesmo, Martínez censurou que nacionalistas e socialistas "queiran facer xuízo en paralelo" no Parlamento e nos medios de comunicación, ao tempo que certificou que ha continuar á fronte da delegación da Xunta en Ourense. "Teño moi claro que vou seguir traballando para tentar pór a andar á Xunta en Ourense", sentenciou Roxelio Martínez.

O PSdeG persoarase como acusación particular contra Martínez
Martínez tamén foi acusado polo PSdeG de derivar subvencións a empresas da súa propiedade, sendo alcalde de Arnoia. Segundo explicou a deputada do PSdeG, Laura Seara, o seu partido pretende aportar novos datos, para que esta causa saia adiante, e fala de "fraude masiva", ao ser este caso, segundo ela, "a punta do iceberg". A socialista sinalou que Martínez tamén se fixo con 45 millóns das antigas pesetas en axudas, que dedicou as súas propias compañías. Nesta liña, Seara volveu solicitarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a suspensión do delegado en Ourense, e dirixiu críticas á Fiscalía por non presentarse neste caso.

Polo seu lado, a deputada do BNG, Tareixa Paz, preguntouse, ao respecto deste caso, como se "pode manter no cargo a unha persoa investigada por fraude", e afirmou que Feijoo non está a cumprir o seu compromiso de rexeneración democrática na Xunta, sinalando tamén o caso do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. O tamén deputado do BNG, Alfredo Suárez Canal, apelou, polo seu lado, á desaparición dos superdelegados, aos que chamou "caciques de deseño" e "comisarios políticos", e dos que dixo "están a causar moitos prexuízos á cidadanía".

Polo seu lado, o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, reivindicou o dereito de Martínez á presunción de inocencia.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: