O grupo Chévere agasalla a rede cun feixe de pezas audiovisuais abrolladas da Sala Nasa, camiño dos vinte anos de historia.
Xa poden reservar camarote, e de balde, en Redenasa.tv, embarcación internáutica deseñada ao xeito para remexer nos mares da creatividade que durante os últimos lustros sacou á luz o antigo taller mecánico reconvertido a espazo teatral.
A Sala Nasa, referencia ineludíbel da orixinalidade e poder imaxinativo do teatro do país inaugura este novo punto de encontro en internet. En definición deles mesmos, a Nasa é unha iniciativa privada, aberta e independente, impulsada polo grupo Chévere "e xestionada por artistas, sen intermediarios, nin axentes, nin funcionarios da cultura". E subliñan ao respecto: "Non somos armadores, somos pescadores".
Convidámolos a mergullárense na bodega do barco Redenasa.tv e explorar o seu vizoso contido: teatro, danza, música, circo, artes plásticas e audiovisuais, maxia, cabaré, monicreques... No momento de escribirmos estas liñas, en portada da nova web poden ver unha peza sobre a situación da lingua galega. "Foi antes do decretazo, antes das enquisas nazional-democráticas, antes das manifestacións en defensa da lingua..., pero é que ás veces a realidade supera con moito a ficción. Feito para rapaces e rapazas, convocadas no Correlingua, superou tamén a proba dos adultos porque frikis de Star Wars hainos en todas partes", explican na presentación.