Malos tratos, sexo, relixión, familia... Esta fin de semana estréase o espectáculo teatral 'Por que o meniño se coce na polenta?'
Da man de Sapristi Teatro e o Centro Dramático Galego (CDG) achegan aos escenarios un "suculento menú" teatral que repara na explotación infantil, abusos, malos tratos... cunha chea de dúbidas sobre o mundo, o sexo, a relixión, o desarraigo, a identidade propia e a familia. "De postre, moito medo; e para superalo un macabro xogo infantil: ir inventando por qué un cativo rematou cocido na ola da polenta", explicaron na presentación da obra.
'Por que o meniño se coce na polenta?' leva a escena a historia de Aglaja Veteranyi, filla do grande paiaso Tandarica e unha das poucas mulleres acróbatas que se gañaron o soldo colgándose dos cabelos. "Unha vida de roulotte co extranxeiro como patria, unha infancia sen escola e sen amigos; case sen infancia", expoñen. Nas táboas, Nuria Sanz en compañía da imposíbel e incríbel orquestra que Ignacio Sanz fai nacer para este proxecto: botes de marmelada, sachos, marimba, olas e sarténs, radiocasette, violín de cencerros, tambor, castañolas... A obra foi traducida por Quico Cadaval e está dirixida e adaptada por Roberto Leal.
Por que o meniño se coce na polenta?, vaise representar no Salón Teatro de Santiago de Compostela os días 10, 11 e 12 de xuño (21h, 22h e 18h respectivamente).