Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UN ANO DAS MUNICIPAIS

Ourense: a última maioría absoluta do PPdeG en ceder?

Fráxil maioría absoluta foi a que colleitou en 2003 Manuel Cabezas para o PPdeG en Ourense. Desde aquela, a erosión do goberno local de Cabezas e a súa decisión de non volver optar á alcaldía veu non só polo labor da oposición, senón tamén polo seu soterrado enfrontamento co compañeiro de partido e presidente da deputación provincial, Xosé Luís Baltar. O BNG afronta con optimismo esta cita, para a que mantén a incerteza de se optará por consolidar o traballo do seu voceiro actual ou xogará un órdago directamente saído do bipartito. O PSdeG ourensán, moi revolto durante anos, confiaría na continuidade e na inercia das últimas citas coas urnas.

- 12:07 27/04/2006
Tags:

PPdeG: E despois de Cabezas, quen?
A feble defensa que desde o PPdeG realizaron do seu actual alcalde en Ourense, Manuel Cabezas, durante o último escándalo urbanístico que lle afectou ao mandatario con enfrontamento directo co secretario municipal incluído, pareceu ser o peche definitivo da oportunidade para unha repetición de Cabezas como candidato do partido. A piques de perder a maioría absoluta nas últimas eleccións, Cabezas aparecía como o máis apropiado para repetir o reto, toda vez que o acordo de Feijoo co presidente da deputación ourensá, Xosé Luís Baltar, debera axudar a relaxar as friccións Baltar-Cabezas.

Decidido o actual alcalde a non recuncar na lista do PPdeG, na intención de Baltar estaría promocionar a algún dos que xa asomaban como posíbeis números un para as listas das anteriores municipais, os médicos locais Miguel Pérez e Rosendo Fernández. Outros nomes que abrollaron foron o do propio fillo de Xosé Luís Baltar, o deputado Manuel Baltar, e o presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, Francisco Rodríguez. Os complicados equilibrios baltaristas impiden que no abano de posíbeis accedan quen foron valores crecentes no partido, como a demitida Inmaculada Rodríguez, vetada para o acceso a responsabilidades de goberno no último executivo de Manuel Fraga, paradoxalmente despois de apoialo no seu pulso con Baltar. A empresaria ourensá compartiu durante o proceso sucesorio a mensaxe de renovación profunda do partido solicitada polo ex conselleiro Henrique López Veiga. Os acordos para a confección da lista municipal do PPdeG serán así unha reedición da propia negociación da lista conxunta realizada antes do congreso sucesorio polo sector Baltar e o sector Feijoo.

BNG: Suárez Canal, de conselleiro a alcalde?
O BNG manexou a opción de Alfredo Suárez Canal como candidato posíbel para a alcaldía de Ourense, perspectiva que se vería ben desde a executiva da formación, máis aínda logo da proxección amosada por Suárez Canal na súa traxectoria á fronte da consellaría de Medio Rural. A baza do conselleiro é considerada como factor clave para que os estreitos prognósticos electorais de nacionalistas e socialistas se resolvan en favor do Bloque garantindo o acceso aos pactos posteriores en posición de privilexio. Porén, o actual conselleiro subliñara a súa vontade de saír do primeiro plano político á fin da anterior lexislatura e logo de convencéreno para voltar á escena, parece complicado que vaia aparcar o compromiso asumido á fronte da consellaría para levar o peso da candidatura ourensá. Xa que logo, a traxectoria crecente do Bloque en Ourense, que convertiu a formación na única que medraba en voto nas pasadas eleccións municipais e que lle dá o liderado actual na oposición, con sete concelleiros, por riba dos seis dos socialistas, podería recomendar non xogar a carta de Suárez Canal, erixido en figura destacada do actual bipartito, e nese caso, o BNG confía no traballo realizado deica agora polo actual voceiro municipal, Alexandre Sánchez Vidal. A recente afirmación do propio Sánchez Vidal de que está "dispoñíbel para ser cabeza de lista nas próximas municipais", sería a confirmación de que finalmente o seu será o único nome que irá na proposta ao consello nacional do BNG remitida polo seu consello local ourensán.

PSdeG: Cara a recuperación da estabilidade
Parece haber pouca dúbida na confianza do PSdeG na candidatura de Francisco Rodríguez, quen liderara o partido en 2003, cando os socialistas perderon peso relativo respetvo ao Bloque, desfacéndose o empate en favor dos nacionalistas, que sumaban así un asento máis no Concello. O dedo da dirección socialista decidira tamén daquela unilateralmente sobre o candidato, escollendo ao coñecido actor Abelardo Gabriel, malia a oposición do propio grupo municipal socialista. A posterior caída de Gabriel da lista e o ascenso circunstancial á candidatura de Francisco Rodríguez desembocaron nun período de calma para o socialismo ourensán. Á beira están os números das sucesivas citas coas urnas, que amosaron que a inercia do efecto Zapatero chimpou cara a arriba o voto á formación na cidade das Burgas e o traslado dos resultados da última votación, nas eleccións autonómicas, daríalles o liderado na oposición, quedando apenas tres mil votos por baixo dos populares. En beneficio dos socialistas xoga o fracaso da candidatura independente que en 2003 apuntaba directamente ao seu espazo electoral, e que quedou ás portas da representación no Concello. Unha volta á concentración do voto socialista no PSdeG elevaría as perspectivas electorais dos populares.

Opina nos foros de Vieiros


Ligazóns

0/5 (0 votos)