Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL INTERNACIONAL DE DOCUMENTAIS DE TUI

Aberta a convocatoria para participar na terceira edición do Play-Doc

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, abre a convocatoria para participar na terceira edición deste evento que en tan só dous anos converteuse nun dos festivais de documentais máis prestixiosos da península. Play-Doc ten como principal obxectivo crear un espazo de encontro e á vez plataforma de exhibición, para público profesionais e realizadores de todo o mundo, contribuíndo así á promoción e difusión dun dos xéneros máis vivos e creativos do momento, que pese ao crecente interese que xera, aínda atopa seis dificultades para abrirse camiño nos circuítos habituais de exhibición.

- 12:03 19/06/2006
Tags:

Logo do éxito obtido na segunda edición, na que ao redor de seis mil espectadores puideron gozar do mellor cine documental do momento, Play-Doc contará novamente cunha Sección Oficial Competitiva con tres categorías a concurso: Longametraxes documentais, Curtametraxes documentais e Atlántico, para documentais producidos en lingua galega ou portuguesa e/ou producións galegas. Ademais haberá unha Sección Informativa na que cabe destacar o ciclo de documentais de música, o ciclo dedicado aos documentais galegos e unha referencia ao chamado ‘Falso Documental’.

Play-Doc, que terá lugar en marzo de 2007 na cidade fronteiriza de Tui, contará ademais cunha serie de eventos paralelos, como concertos, charlas, obradoiros e sesións de vídeo e música. A convocatoria está aberta para todas as categorías e seccións do festival. O prazo para inscribir as películas para a preselección finalizará o próximo 15 de novembro de 2006.

A organización de Play-Doc espera que o número de documentais que se reciban nesta nova edición, supere aos 353 que se presentaron o ano pasado, provenientes de máis de corenta países de todo o mundo. Estas cifras dan unha idea da gran dimensión internacional que foi adquirindo o prometedor festival tudense malia a súa curta vida.


Ligazóns

0/5 (0 votos)