Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PRIMEIRO MINISTRO NON REGRESOU AO PAÍS

Tailandia terá novo primeiro ministro en dúas semanas e eleccións en 2007

O golpe de estado militar triunfou finalmente en Tailandia e acabou coa precaria democracia dese estado do sueste asiático. O novo home forte do goberno, o xeneral Sonthi Booñaratglin, prometeu que convocaría eleccións en 2007, pero anulou a convocatoria prevista para as vindeiras datas. O exército mantense leal ao rei, que seguirá na xefatura do estado. O mesmo xeneral anunciou que en quince días haberá un goberno interino, que podería estar dirixido polo director do banco nacional, Pridiathorn Devacula.

- 09:54 20/09/2006
Tags:

Nun discurso emitido pola televisión, que foi controlada polos militares, o xeneral Sonthi Booñaratglin prometeu convocar novas eleccións en Tailandia o máis axiña que poida, se ven derrogou a convocatoria electoral prevista para vindeiras datas. Nos comicios, o xa ex-primeiro ministro e millonario Thacsin Xinawatra, pretendía confirmar o seu discutido poder, malia o boicote das principais forzas da oposición e malia a forte caída da súa popularidade. O xeneral tailandés declarou que "o Consello para a Reforma Política non ten intención de gobernar o país" e que lle devolverán o poder ao pobo mantendo a forma da monarquía constitucional.

Booñaratglin anunciou tamén a anulación da Constitución, o Senado, a Cámara de Representantes, o Goberno e o Tribunal Constitucional, pero non así da figura do monarca. Os golpistas prohibiron tamén as xuntanzas de máis de cinco persoas e impuxeron estritos controis sobre os medios de comunicación nacionais e internacionais. Booñaratglin xa mantivo unha audiencia co rei Bhumibol Adulladei, para comunicarlle que se facía coa dirección do goberno pero que a xefatura de estado se mantiña no trono. Booñaratglin negou a implicación do rei no golpe.

Unha das primeiras medidas dos golpistas foi declarar o día de hoxe festivo, así como convocar unha gran xuntanza social á que están chamados reitores universitarios, banqueiros, altos funcionarios, empresarios e, por suposto, militares. A canle de televisión controlada polo exército suspendeu onte a súa programación e emitiu imaxes da familia real e cancións militares.

Xinawatra dubida se ficar no exilio

O xa ex-primeiro ministro, Tacsin Xinawatra, anda a cavilar se volta para a Tailandia. Polo de agora marchou a Londres dende Nova York, onde acudiu para a Asemblea Xeral da ONU, o evento responsábel do maior número de golpes de estado do planeta. De feito, o seu viceprimeiro ministro, Suraquiart Satiratai, era un dos candidatos na carreira para sentar na cadeira do secretario xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan, ao que este remate o seu mandato na fin do ano. Satiratai e Cantati Sufamonghon, o ministro de Exteriores, permanecen na cidade estadounidense. O seu ministro de Xustiza, Chidchai Vanasadtía, foi aparentemente detido polos golpistas dentro do país. Polo de agora non se ten constancia de persecucións contra os militantes do partido do primeiro ministro, o máis importante do país.

Precisamente o secretario xeral da ONU pediulle calma á poboación tailandesa ante o golpe de estado, e asegurou que as Nacións Unidas non apoian ningún cambio de goberno que non sexa democrático, se ben se amosou moi precavido á hora de respaldar a xestión de Xinawatra ("non teño todos os detalles, pero o que ocorreu non é unha práctica que teñamos que alentar"), ao tempo que animaba os tailandeses a restaurar as institucións e a regresar a un sistema democrático tan axiña como fose posible"

Galegos e demais europeos, ben

Conforme informou a embaixada española en Bancoc non existe perigo para os galegos que se atopan no país, na súa maioría turistas, se ben aconsellou que non saísen á rúa para evitar conflitos ou disturbios. Con todo, a maior parte dos europeos de Tailandia non se atopan en Bancoc, senón na rexión turística de Phuket, a máis afectada pola tsunami de hai agora dous anos, pero que goza dunha total tranquilidade.

A presidencia finlandesa da Unión Europea expresou a súa forte preocupación polos feitos, condenou o golpe e pediulles aos militares que lle devolvesen o poder ao primeiro ministro. Polo demais, o resto das potencias acolleron con moita reserva e prudencia e unicamente o goberno australiano declarou estar fondamente magoado, mentres ca Malaisia, Nova Celandia ou os Estados Unidos buscaban unha maior equidistancia.


Ligazóns

0/5 (0 votos)