Aproveitando a proxección do Foro Económico Mundial que se celebra en Davos, o foro alternativo suízo Public Eyes entrega os seus simbólicos galardóns para as empresas que ao longo do ano anterior demostraron un labor "máis irresponsábel". O xigante farmacéutico Novartis e a produtora de neumáticos Bridgestone foron os escollidos como exemplo para denunciar as malas prácticas empresariais. Entre os nominados aparecían Ence e Botnia, polos seus proxectos de papeleira en Uruguai.
A "beira escura da globalización" en palabras dos organizadores, é un dos obxectivos a facer públicos con esta orixinal convocatoria organizada en Suíza desde hai poucos anos. Os colectivos Pro Natura e Declaración de Berna argallaron esta iniciativa para destacar o mal comportamento dos xigantes empresariais fronte á sociedade e o medio ambiente.
Na procura dun "chisco de xustiza" no agresivo escenario das grandes industrias, denúnciase así este ano o posicionamento de Novartis e Bridgestone. No primeiro caso, polo seu intento de bloquear a produción de menciñas máis baratas nos países en desenvolvemento. En canto a Bridgestone, critícase que utiliza materia prima saída de zonas de Liberia onde se comprobou que traballan persoas en rexime de case escravitude, cativos incluídos.