"Debemos incrementar o esforzo pola calidade e a rendabilidade do crecemento económico", indicou o primeiro ministro chinés, Wen Iabao, na sesión de apertura da Asemblea Nacional Popular. O líder político recoñeceu o desigual reparto social do crecemento da economía chinesa.
O elevado crecemento chinés non mingua as desigualdades sociais
Un 8% agarda o goberno chinés que siga medrando a cuarta economía do planeta en 2007, apenas tres puntos por baixo do crecemento conseguido en 2006. O informe presentado polo executivo agarda que non se dispare a taxa de desemprego que rexistran as zonas urbanas, unha media do 4,6%, e prevé a creación de 9 millóns de postos de traballo.
"Debemos darlle maior importancia ao aforro de enerxía e recursos", recoñeceu tamén Wen Iabao, subliñando a "ineficacia" do actual patrón de crecemento económico chinés nese aspecto. Ao fío chamou a atención sobre os "desafíos sociais e económicos" cara aos sectores máis desfavorecidos.
Por outra parte, a Asemblea vaille dar beizón a un aumento dos orzamentos militares do país en até un 18% respecto ao gastado o ano anterior. Con todo, o voceiro do goberno que anunciou a decisión comentou que "China non ten intención de abrir unha carreira armamentística", asegurando que se trata unicamente da intención de modernizar as estruturas actuais do exército.