O proxecto prevé un investimento global de 3.000 millóns de euros, dos que máis dun terzo procederán de recursos públicos. O obxectivo é que, de cara ao ano 2011, se inverta o proceso de regresión económica das últimas décadas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Vista de Ferrol / Foto: Xaime.net
O executivo pretende que a bisbarra medre un 16% nos vindeiros cinco anos, o que supoñería multiplicar por catro o ritmo medio dos últimos 25 anos. Cumprilo levaría consigo a creación de 4.400 novos postos de traballo e 3.000 millóns de euros de valor engadido.
O plan terá once sectores de actuación prioritaria, entre os que destacan o eólico, o turístico, o loxístico, os biocombustíbeis e o naval. Con respecto a este último, estabelécese como obxectivo crear o clúster do naval e apostar pola diversificación e tecnificación do sector. Así mesmo, entra dentro deste plan poñer en marcha o centro tecnolóxico naval de Ferrol e asegurar o traballo de Navantia.
Segundo o Goberno, o investimento privado acadará os 2.000 millóns de euros, aos que habería que sumar os 1.163 de fondos públicos. Destes últimos, 828 destinaranse á dotación de infraestruturas e 335 serán incentivos á actividade económica. O 55% do diñeiro procederá de fondos da Xunta e o 45% restante, do Estado.
Mellora das infraestruturas
O investimento en infraestruturas é, para o executivo, fundamental para que o plan teña éxito. Inclúe a posta en marcha do porto exterior de Ferrol, o saneamento integral da ría e o remate da autovía entre a cidade e Vilalba e da vía Ferrol-San Cibrao. Nestas dúas últimas obras estanse a investir máis de 400 millóns de euros.
No referente ao desenvolvemento de terreo industrial, o presidente da Xunta anunciou que existe un compromiso coa SEPI para liberar 200.000 metros cadrados dos terreos ociosos de Navantia Fene para o seu aproveitamento. O Goberno comprometeuse, ademais, a que todas as dársenas e peiraos do país teñan conexión ferroviaria, incluído o porto exterior ferrolán.