Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estudo sobre a rexeneración vexetal

Investigadores da USC procuran evitar que o monte galego sexa cada vez máis combustíbel

Os danos ocasionados polos incendios, sobre todo logo da vaga de lumes do pasado verán, aumentaron o grao de combustibilidade dos noso montes.

Redacción / EP - 14:30 15/04/2007
Tags:

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela tentará evitar este deterioro progresivo mediante a realización dun estudo sobre a rexeneración vexetal nos ecosistemas galegos incendiados.

A Consellería de Innovación e Industria explicou que para levar a cabo esta investigación a Xunta destinará 30.000 euros no período 2006-2009. Deste xeito, un equipo de investigación de Ecoloxía e lume da USC, encabezado pola profesora María Mercedes Casal Jiménez, xa comezou a seleccionar zonas do estudio especialmente castigadas polos incendios.

O estudo centrarase en catro puntos concretos da xeografía galega afectados polos lumes do pasado mes de agosto: o Monte Pedroso (Santiago), Carnota, Verín e Avión (Ourense). Nestas localizacións fixáronse as áreas incendiadas en 2005 e 2006 e estudouse a historia recente do monte, describindo especies existentes, usos do terreo e incendios. Tamén se estableceron estacións de recollida de mostras nas que se observa a variedade ambiental de Galicia e fixéronse parcelas para a recollida de datos, que se realizará en varias campañas anuais durante os tres anos de duración do proxecto.

Segundo informa Europa Press, en cada unha destas campañas tómanse diversas medidas ecolóxicas de cada poboación e de cada comunidade vexetal. A investigación atópase nesta fase de compilación de información, que servirá para comparar a rexeneración vexetal en situacións habituais e en condicións de cambio climático.

Os responsábeis deste proxecto sinalan que os fenómenos atmosféricos e ambientais provocarán escenarios forestais diferentes aos actuais, co que as respostas que se darán aos incendios tamén se modificarán. É por iso polo que se está a estudar o desenvolvemento de distintas especies en parcelas de simulación de cambio climático.

Desde a USC advírtese de que a particularidade do chan de Galicia, o aumento da estación seca e a maior irregularidade nas precipitacións, pode agudizar o problema dos incendios e pode levar consigo cambios nos procesos reorganizativos dos ecosistemas, o que provocaría unha deriva cara a sistemas máis erosionados e áridos.

Deste xeito, esta perda de diversidade fará que o monte sexa cada vez máis combustíbel, de aí a necesidade de contar con datos para a previsión de incendios e a minimización dos efectos do cambio climático.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: