 
 
Investigadores norteamericanos e europeos analizan as posíbeis causas de extinción dos insectos.
 
											Descoñécese a causa da desaparición das abellas
A desaparición de abellas nos Estados Unidos está a espertar o interese dos habitantes daquel país por descubrir as causas. Nalgúns casos mesmo xorden teorías da conspiración, como supostos proxectos impulsados por Rusia ou por Bin Laden para destruír a agricultura estadounidense, ou fantástico-relixiosas, como un presunto plan divino para raptar as abellas cara ao ceo. 
  Tamén se formularon posíbeis motivos para a perda da orientación dos insectos, como as ondas de telefonía móbil, as liñas de alta voltaxe ou cambios xenéticos. Pero o certo é que unha cuarta parte dos 2,4 millóns de colonias de abellas dos EUA xa desapareceu.   
  Un grupo de 60 científicos están a analizar o fenómeno, que xa se coñece como “colapso da desorde das colonias”. O proceso estase a levar a cabo con urxencia, pois a desaparición das abellas estase a producir rapidamente, non só en Norteamérica senón tamén noutras partes do mundo, sen que se saiba se existe unha relación. 
  Infección por fungos 
Nas autopsias e análises xenéticas practicadas aos insectos atopáronse fungos que tamén aparecen en humanos con sida ou cancro. Ademais, descubríronse substancias químicas procedentes de pesticidas que tamén poderían contribuír á desaparición das abellas. 
  Tamén se están a investigar no País Vasco as causas da diminución da poboación de insectos. Os apicultores bótanlle a culpa ao cambio climático ou á acción dun parasito intestinal que transmite o virus da varroa, enfermidade que afecta ás abellas europeas. 
  Tanto se é por unha combinación dos motivos anteriores ou por calquera outro de orixe descoñecida, a síndrome da desaparición das abellas pode resultar catastrófica, pois son os principais axentes polinizadores das plantas.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto