Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ven incorreccións no informe sobre os lumes

Medio Rural quéixase de que o fiscal faga xuízos "máis políticos que xurídicos"

Desde o executivo defenden a "profesionalidade" das análises dos técnicos do servizo de prevención contra incendios.

Redacción - 09:00 03/05/2007

Incoherencia, inexactitudes, ausencia de rigor... Foron varios dos cualificativos que este mércores usou a Consellaría de Medio Rural para referirse ao documento da Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra que advertía da falta de estudos serios sobre as causas dos incendios.

Láianse ademais desde o goberno de que o fiscal coordinador do servizo de Medio Ambiente da Audiencia de Pontevedra debera ocuparse sobre todo neste estudo da análise dos procesos xudiciais abertos por delitos de incendios, cousa que paradoxalmente "apenas menciona". Ademais de criticar que se centre máis en "cuestións políticas" que no seu ámbito competencial, recordan tamén desde Medio Rural que ningunha desas observacións se fixo nas xuntanzas do Comité de Coordinación Policial Anti-incendios, "onde está presente o propio fiscal".

O departamento liderado por Alfredo Suárez Canal amosábase sorprendido por que a memoria da Fiscalía citase por exemplo ao exército como variable determinante na extinción dos lumes "cando todo o mundo sabe que as forzas armadas limitáronse a labores de protección civil e carácter disuasorio".

Citan tamén como exemplo os erros sobre as propias estatísticas de incendios que inclúe o informe e critican que sen achegar datos se fagan afirmacións como a que se refire á presunta "lixeireza" dos axentes forestais á hora de cualificar os lumes como intencionados. "A Fiscalía máis ca ninguén debera basear a súa opinión en datos obxectivos e contrastábeis e non en prexuízos que ademais demostran un gran descoñecemento do funcionamento do Servizo de Prevención de Incendios".


4,25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: