Este sábado celebrase unha nova edición da Marcha contra Celulosas, co obxectivo de impulsar definitivamente a saída de Ence-Elnosa da ría de Pontevedra.
“Sen dúbida atopámonos nun dos mellores momentos da loita pola desaparición do complexo da nosa ría” aseguran os convocantes da marcha, a Asociación pola Defensa da Ría, APDR.
Precisamente co fin de aproveitar este momento crucial na loita contra as papeleiras celebrarase unha nova edición da Marcha contra Celulosas. Será ás sete da tarde cando dúas manifestacións saian ao mesmo tempo de Pontevedra e Marín. Os participantes camiñarán até o complexo industrial de Lourizán e gozarán ao remate dunha comida popular na praza do Teucro, en Pontevedra.
Desde a Asociación pola Defensa da Ría, queren facer fincapé na "imposibilidade" de Elnosa de permanecer na súa actual situación ao carecer da Autorización Ambiental Integrada, a raíz do informe negativo emitido polo concello de Pontevedra. Nesta liña, simalan que “mais pronto que tarde” tocaralle a quenda a Celulosa, “e unha e outra terán que deixar Lourizán como estaba cando fixeron ocupación deses terreos”.