Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Reconstruíndo Memoria"

Identifican 30 galegos asasinados na ditadura arxentina

A Xunta vai colaborar co goberno arxentino na identificación das persoas asasinadas durante a ditadura militar.

Redacción - 18:45 13/07/2007

Esta colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Xustiza e Dereitos Humanos e da Embaixada Arxentina no Estado Español está dentro das actuacións da Unidade de Investigación sobre cidadáns españois desaparecidos na Arxentina, nun proxecto que denominaron "Reconstruíndo Memoria".

Até o de agora, dentro deste proxecto e coa colaboración do goberno galego, xa se teñen identificado 30 galegos de entre os 700 cidadáns españois desaparecidos entre 1976 e 1983.

Durante unha súa xuntanza, celebrada na mañá da sexta feira, con representantes do goberno arxentino, o Secretario Xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, sinalou que a Xunta xa leva tempo traballando pola investigación e o recoñecemento dos galegos asasinados na Arxentina, con feitos como a elaboración do plan sobre os desaparecidos en Arxentina, mediante o que o goberno galego se compromete a cooperar tanto coas familias dos cidadáns galegos desaparecidos en Arxentina como co Ministerio de Asuntos Exteriores, na investigación de datos familiares nos rexistros civís de Galicia.

Neste contexto, tamén se referiu ás axudas concedidas pola Secretaría Xeral de Emigración a emigrantes galegos e os seus descendentes, vítimas da ditadura militar.

Pero o número de galegas asasinados ha de ser maior

Segundo a representante da Secretaría de Dereitos Humanos do Goberno arxentino, María Lourdes Gru, quen tamén estaba presente nesta xuntanza, a colaboración de Galiza é "fundamental" posto que "a colonia galega residente en Arxentina representa preto do 63% do total de cidadáns do Estado español" e que "o número de desaparecidos de orixe galega ten que ser superior aos 30 identificados ata o momento".

A Unidade de Investigación sobre cidadáns do Estado Español...

... é un proxecto da Secretaría de Dereitos Humanos do Ministerio de Xustiza e Dereitos Humanos da República Arxentina que conta, dende agora, coa colaboración do goberno galego.O obxectivo do mesmo é elaborar un Rexistro de vítimas españolas durante a ditadura militar arxentina entre os anos 1976 e 1983. Xa hai unha listaxe feita, con nomes de asturianos, galegos, vascos, cataláns, entre outros... desaparecidos nestes anos naquel país do Cono Sur.

Podes consultar aquí a táboa de cidadáns do Estado español desaparecidos na Arxentina.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: