SOS Courel repróchalle á Xunta que cree un censurábel precedente en Rede Natura autorizando a actividade da canteira da Campa.
O colectivo en defensa do Courel sostén que os expedientes desbotados sobre solicitudes de explotación cobran agora vida coa concesión da mina da Campa, xa que poderían tratar de forzar as súas autorizacións baseándose no "agravio comparativo de tal actuación improcedente". "A Xunta enfróntase agora a unha grande catástrofe legal, de negociacións e indemnizacións sen precedentes, que no mellor dos casos, acabará coa autorización de parte das 54 concesións en indemnizacións e litixios xudiciais interminábeis", advirten desde SOS Courel.
Desde a asociación explican que a lexislación sobre ordenación urbanística e protección do medio rural existente na actualidade impediría a autorización de canteiras a ceo aberto nun espazo natural, caso da Rede Natura 2000, ou nun dos chamados "espazos naturais urbanísticos", coma é caso do terreo onde se pretendía a canteira da Campa.
Así, os activistas e veciños opinan que o Goberno forzou a norma "desvirtuando o significado das verbas" e interpretando flexíbelmente a recomendación legal segundo a cal debera valorar a compatibilidade ou non da explotación cos valores ambientais e paisaxísticos existentes. Por iso, explican que esta autorización crea un precedente moi negativo para todo o espazo do Courel e que podería causar conflitos legais futuros noutros espazos naturais en Galiza.