O goberno de Vladimir Putin renuncia a un dos tratados clave na fin da Guerra Fría.
As presuntas "extraordinarias circunstancias que lle afectan á seguridade da Federación Rusa e esixen a adopción dunhas medidas inaprazábeis" é o argumento exposto polo goberno ruso para anunciar a súa renuncia a este acordo.
O Tratado de Forzas Convencionais en Europa estabelecía límites para o despregue de armas pesadas no continente europeo. Ademais fixaba criterios chave para a confianza entre países ao garantir o aviso previo de manobras militares e as inspeccións recíprocas de armamento.
O presidente ruso, Vladimir Putin, acaba de asinar o decreto que confirma unha decisión coa que xa ameazara en datas recentes. Putin opinou nos últimos tempos que o sistema anti-mísiles deseñado polos Estados Unidos e a despregar en bases polacas ou checas, sería entendido como unha ameaza a Rusia.