Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ao tempo que se pechan as centrais

Ningún municipio se ofrece para ser vertedoiro nuclear

Malia as importantes compensacións económicas ofrecidas, Enresa non conseguiu Concello voluntario en todo o Estado para o cemiterio nuclear. Os ecoloxistas piden paralizar o proxecto.

Redacción - 13:15 19/08/2007

Co anzol de fortes inxeccións económicas, a Empresa Estatal de Residuos Radiactivos, Enresa, contaba conseguir candidatos para o deseño do cemiterio nuclear centralizado onde soterrar os residuos radiactivos que xeran as centrais nucleares en funcionamento en territorio estatal. E porén, apenas o rexedor do pequecho concello zamorano de Peque recoñeceu publicamente o seu interese no proxecto que, debido á forte mobilización veciñal, tivo que descartar ao pouco tempo.

Inicialmente, o goberno español comprometérase a estabelecer un proceso de consulta na procura dun amplo consenso social para a xestión dos residuos nucleares. Na práctica, a única manobra foi a oferta aos municipios de gorentosas compensacións económicas. A estratexia fracasou e en diversos lugares onde se apuntaba a posibilidade de seren candidatos ao cemiterio nuclear, producíronse finalmente declaracións institucionais desde deputacións, concellos ou gobernos contra esa posibilidade.

"A estratexia de Enresa de conseguir vontades a base de cartos públicos e á marxe dos cidadáns, fracasou estrepitosamente", opina Carlos Bravo, responsábel da campaña sobre enerxía nuclear do colectivo ecoloxista Greenpeace. "O goberno español debe entender que para conseguir un amplo consenso social arredor do problema dos residuos radiactivos debe poñer en marcha antes o prometido plan de peche das centrais nucleares", subliña Bravo. Os representantes insisten en que a outra estratexia, tirar de "talonario" para conseguir candidato a vertedoiro, é "inmoral".

Para lembrar este asunto pendente, Greenpeace organizou este domingo en Burgos unha "bicicletada antinuclear". A central nuclear de Garoña, en Burgos, é precisamente a que os ecoloxistas consideran que é máis urxente pechar.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: