CCOO e CSIF cualifican de "excesivos" os servizos mínimos impostos durante o paro. Desde a Consellaría do Medio Rural aseguran que só media ducia de traballadores seguiu a folga.
En plena época de alto risco de lumes vehículos do servizo contra o lume volveron aparecer danados. Varias motobombas quedaron inhabilitadas este luns, coas rodas picadas e cristais rachados no distrito XV de Xinzo de Limia. A sabotaxe dos vehículos produciuse estando estes no propio garaxe.
Non é a primeira vez que se producen este tipo de sabotaxes. A Xunta xa denunciara a pasada fin de semana desperfectos noutros catro vehículos de reforzo dos servizos de extinción. Coincidindo tamén cunha xornada de folga anterior, a mediados do mes de xullo, tamén na Limia causaran danos en até 14 vehículos e mesmo en casetas de vixilancia do servizo contra o lume. De xeito simultáneo, no distrito do Ribeiro apareceran danados unha ducia de todoterreos, tres pick-ups e tres motobombas de extinción.
Desde a Consellaría do Medio Rural láianse de que estes ataques se produzan "en época de alto risco de lumes" nun momento onde é preciso que todos os medios estean en alerta. Así, consideran que as sabotaxes "poñen en perigo o funcionamento do dispositivo en época de máximo risco, para poder actuar en caso de incendio".
Desacordo sobre o seguimento da folga
Desde o sindicato Comisións Obreiras cualifican de "abusivos" os servizos mínimos estabelecidos pola Xunta, fixados no 75% do total de persoal. Por outro lado, aseguran que este martes e na primeira xornada de folga, do 25% restante a totalidade dos convocados por CCOO e CSIF secundou o paro, até 350 dos 1.400 traballadores do Servizos de Defensa Contra Incendios Forestais. Pola contra, desde Medio Rural indican que á espera da quenda de tarde, na mañá desta terza feira só a secundaran sete das 324 persoas que podían concorrer á folga.
Posicións afastadas cara ao acordo
CCOO e CSIF teñen previsto novos paros os días 28 e 30 de agosto. As dúas formacións sindicais esíxenlle á Xunta que se reabra a mesa de negociación e piden a elaboración dun convenio laboral "xusto e digno". Entre as esixencias solicitan poder coller vacacións nos meses de verán, ter cuadrantes de horarios fixos, quendas de descanso "razoábeis" e pago extra por traballaren de noite. UXT e CIG xa realizaron propostas ao respecto dun novo acordo, e arredor dese pacto posíbel a Consellaría do Medio Rural aponlle a CCOO "intransixencia" ao respecto.
Benxamín Vence, coordinador de Acción Sindical do sector da Administración Autonómica de CCOO, declarou para Europa Press que a Consellaría "non está sendo responsábel coa súa actitude inmobilista e de xordeira". Ao fío, o sindicato advirte de que non aceptará un acordo que sitúe as condicións destes traballadores por debaixo das do persoal laboral da Xunta.