Para que o goberno estatal poida perseguir mellor as prácticas de branqueo, as inmobiliarias identificarán e etiquetarán os seus clientes. Agora só o fan o 4%.
Non se trata só de obrigar ás empresas inmobiliarias a que comuniquen ás autoridades as súas sospeitas sobre uns ou outros clientes, senón a que desenvolvan políticas activas para coñecelos e poidan colaborar na prevención do branqueo de capitais. Así o anunciou na segunda feira Soledad Núñez, directora xeral do Tesouro e Política Financeira do Ministerio de Economía e Facenda.
Tamén están obrigados a comunicar as operacións sospeitosas outros axentes do proceso, como avogados, notarios ou xoieiros, que tamén deben obter información sobre o propósito dos negocios dos seus clientes, coñecer o seu perfil de risco e a orixe dos fondos cos que realiza a operación de que se trate.
A identificación dos clientes é unha das principais novidades do texto, aínda que, segundo Soledad Núñez, a normativa española sobre branqueo xa contempla estas cuestións, posto que se trata, segundo dixo, de unha das lexislacións máis avanzadas na materia na UE.
O sector inmobiliario, un dos menos conscienciados fronte ao branqueo
Porque de feito é un dos sectores onde máis se branquean os cartos, pero tamén dos que menos o comunican.
O Sepblac (Servizo Executivo da Comisión de Prevención do Branqueo de Capitais) é o organismo encargado da prevención do lavado de cartos, e, a través do seu director, Ignacio Palicio, cualifica de "pouco satisfactoria" a actuación do sector do ladrillo, un dos de meirande risco de fraude. Segundo datos do propio organismo, só 1.942 inmobiliarias están rexistradas; isto é, o 4,3% do total das empresas do sector. As empresas censadas apenas comunicaron ao Sepblac, nos últimos 5 anos, unhas 50 operacións sospeitosas de branqueo.
Cara a nova lexislación
O Tesouro xa elaborou un catálogo -sen rango normativo- de operacións de risco para orientar as inmobiliarias e as entidades financeiras sobre o tipo de operacións que poden ser perigosas.
Segundo o Tesouro, a nova norma conta xa cun "traballo de base bastante avanzado", porén, a lei queda para a seguinte lexislatura.