Outros quince resultaron feridos tras un ataque dos separatistas curdos preto da fronteira con Iraq.
Polo menos trece soldados turcos morreron este domingo e outros quince resultaron feridos tras un ataque dos separatistas curdos do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) contra unha unidade militar, preto da fronteira con Iraq e Irán, segundo a axencia de noticias estatal Anatolia.
Os rebeldes atacaron con metralladoras a unidade militar, situada preto da localidade de Yuksekova (provincia de Hakkari, no sueste turco). Segundo a cadea de televisión NTV, o ataque produciuse a uns cinco quilómetros da fronteira con Iraq. Con estes xa son ao redor de trinta os soldados turcos mortos a mans do PKK nas dúas últimas semanas.
Ataque turco
Tras coñecer a noticia, o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, interrompeu unha visita a Istambul para regresar á capital, Ancara, e convocou unha reunión antiterrorista de urxencia. Pola súa banda, o ministro de Traballo, Faruk Celik, declarou que "estes últimos acontecementos creo que nos obrigarán a adoptar medidas máis estremas".
Fontes oficiais fronteirizas iraquís aseguraron que o exército turco disparou quince proxectís de artillería contra varias aldeas curdas do norte de Iraq sen causar vítimas. Este ataque podería ser unha resposta á morte dos trece soldados.
O ataque produciuse catro días despois de que o parlamento turco aprobase unha moción que autoriza ao seu exército a lanzar unha ofensiva transfronteiriza contra os milicianos do PKK que se refuxian no norte de Iraq.
Operación Curdistán, artigo de opinión de Roberto Mansilla en Vieiros.