O secretario xeral dos populares galegos afirma que será o "pistoletazo de saída" dunha precampaña en que todos os militantes e simpatizantes serán a voz do candidato en todos os recunchos do país.
O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, explicou esta martes que a intención do partido é que o acto deste sábado en Compostela con Mariano Rajoy debe servir "para mobilizar á infantería" dos populares.
Rueda asegurou que Galiza lle dirá a Rajoy que "cre nel", que "confía en que será capaz de modernizar o país", e que "non dubida de que é o presidente que España necesita". Ademais, informou de que agardan unha mobilización masiva de militantes e simpatizantes, que sirva para dar o "pistoletazo de saída" á precampaña.
Respecto a esta, dixo: "Queremos que sexa un proceso baseado na contraposición de ideas. O PP ten unha proposta e unha solución para cada problema dos españois". "Como director de campaña, consideraría un éxito que todas as persoas que queiran coñecer o mensaxe do Partido Popular atopen con alguén que llo explique", engadiu.
Homenaxe a Mariano Rajoy
Afonso Rueda asegurou que o acto do sábado "non só será unha homenaxe de Galiza ao máis importante dos militantes do PPdeG, Mariano Rajoy, senón que é a homenaxe de Mariano Rajoy ás miles de persoas que se van a implicar nesta campaña".
Ademais, salientou que vai servir como "termómetro da ilusión que existe no principal partido de Galiza de cara a estas xerais". "Eleccións tras eleccións estamos a contar co apoio maioritario dos cidadáns e nesta ocasión queremos que siga sendo así para que a vitoria de Mariano Rajoy, galego, comece a sustentarse na súa terra, en Galiza", afirmou.