Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Obstáculos á lingua nas aulas

'Bilingüismo harmónico'? Mestres de galego ensinan en español

A Mesa advirte que o decreto de galeguización no ensino fica lonxe de cumprirse. Ao respecto, achegan algúns dos exemplos "máis graves".

R.N. - 16:30 23/01/2008

No Conservatorio de Música de Lugo o galego é inexistente na docencia. Así o critican desde a Mesa pola Normalización Lingüística. "Un pai protestou e a inspección lavouse as mans", láiase Carlos Callón, presidente da Mesa. É un dos exemplos máis extremos, segundo denuncia o colectivo, de centros onde habería constancia do incumprimento do decreto de galeguización do ensino.

A Mesa está elaborando un informe ao respecto destes incumprimentos, analizando a situación en centros educativos de todo o país. O resultado final non será presentado até final de curso, pero durante a recollida de datos xa abrollaron escenarios decepcionantes. Alén do caso lugués antes mencionado, Callón cita o doutro centro público onde a materia de Lingua Galega está sendo impartida en castelán por un dos docentes. A investigación recolle tamén tres casos de escolas públicas onde alén da materia específica de Galego todas as demais son ensinadas en castelán. A galería de exemplos máis graves inclúe tamén o dunha profesora de historia que lle dita en castelán aos alumnos os textos do libro de aula, orixinalmente en galego.

Estes e outros casos son algúns dos exemplos que a Mesa pola Normalización Lingüística lle vai achegar proximamente á Consellaría de Educación. O colectivo recorda que o mínimo do 50% de clases en galego que a normativa estabelece como mínimo está lonxe de cumprirse e sinala os altos niveis de incumprimento que están sendo detectados.

En Infantil: demanda desatendida
A Mesa sinala tamén a decepción fronte ao fornecemento de aulas en galego para os máis cativos. O presidente do colectivo, Carlos Callón, lembra que o proxecto piloto posto en marcha pola consellaría para estabelecer unha oferta de centros de ensino en galego para a etapa de infantil quedou en "case nada". Din desde a Mesa que malia a demanda existente en varios lugares, onde o número de pais e nais que solicitaron aulas en galego para os seus fillos superou amplamente a oferta realizada pola consellaría, de momento non se atendeu aos requirimentos.


Ligazóns

4,88/5 (48 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: