Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECLARACiÓNS DE REGO

O PSdeG quenta motores para gobernar coa "maior autonomía posíbel" fronte ao BNG

O voceiro dos socialistas no Parlamento, Ismael Rego, recoñeceu este luns que o obxectivo prioritario é adiantarlle ao PPdeG para deixarlle ao Bloque un papel máis secundario na vindeira lexislatura.

Redacción - 14:30 12/05/2008

Os cobadazos para os vindeiros comicios autonómicas xa principiaron e cada forza política intenta diferenciarse diante do electorado. Un bo exemplo disto son as declaracións do voceiro socialista Ismael Rego nunha entrevista en Onda Cero. O responsábel do grupo parlamentario do PSdeG subliñou que a máxima arela da súa formación é adiantarlle en escanos ao PPdeG para ter a “maior autonomía posíbel” de cara a vindeira lexislatura. Porén, a pesar da forte aposta, Rego matiza que “esta é a nosa aspiración, pero se non o logramos non será un fracaso”.

Rego foi máis lonxe á hora de valorar a relación cos seus socios na Xunta. O socialista considera que os votantes van ter en conta a formación que “apoia sen complexos o Goberno”.

Un BNG máis secundario

Dentro das filas nacionalistas coidan que o PSdeG está intentando levar adiante unha estratexia similar á que emprega o PSOE no Estado. Se os socialistas lograsen guindar a maioría relativa dos conservadores no Parlamento, o escenario no Goberno podería ser moi diferente, incluso cun pacto puntual. Fontes nacionalistas consideran que o PSdeG está a ensaiar unha estratexia de tensión que lle permita medir as súas propias forzas de cara a opinión pública.

De feito, nas filas do Bloque consideran que aínda non se pode descartar un adiantamento dos comicios ao vindeiro mes de outubro e que os vindeiros días poden ser cruciais para saber cal é a postura real dos socialistas. Por esta posibilidade, que circulou con forza nas últimas semanas, apostan aínda algúns sectores do PSdeG. Porén, a maioría dos cadros socialistas (entre eles o propio presidente da Xunta) pensan que a xogada é demasiado arriscada e teñen marcado os comicios para marzo do ano que vén.


3/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: