A organización, nacida para esixir a imposición dunha taxa sobre as operacións financeiras especulativas, ten case cen mil militantes en todo o planeta.
Naceu a partir dun artigo publicado por Ignacio Ramonet en Le Monde Diplomatique en decembro de 1997. Naquel 'Desarmando os mercados' Ramonet pedía que se aplicasen impostos ás transaccións financeiras especulativas e que se exercese un control democrático sobre os mercados internacionais. Seis meses despois, o 3 de xuño de 1998, nacía en Francia a Association pour une Taxation des Transactions financieres pour l'Aide aux Citoyens (ATTAC), coas esixencias realizadas polo director de Le Monde Diplomatique como principais reivindicacións e un núcleo inicial formado por intelectuais e activistas políticos.
Dez anos despois, ATTAC conta con case cen mil afiliados en máis de cincuenta países. No noso país, ATTAC-Galicia tivo unha actividade intensa a comezos desta década, principalmente en Vigo, chegando a celebrar un congreso fundacional en 2003 en Compostela, presidido por Manuel Martinez Barreiro e sendo secretaria de actas Isabel Mouriño.
As críticas exercidas por ATTAC ao funcionamento dos mercados internacionais e ao desenvolvemento profundamente inxusto da globalización económica están nestes meses de máxima actualidade, por mor das crise alimentaria ou a crise das hipotecas nos Estados Unidos. En Arxentina, o grupo local de ATTAC foi un dos principais impulsores, xunto con outras organizacións sociais, dunha Consulta Popular autogestionada en contra da entrada de devandito país ao ALCA, que se realizou en novembro de 2003 en todo o país e que colleitou preto de 2.300.000 votos por parte da poboación. Nos últimos anos, ademais, posicionouse con firmeza en contra da Constitución Europea que foi rexeitada en Francia e Holanda.
Aínda que ATTAC é altamente crítica cos procesos de globalización do capital asociados coa política do neoliberalismo, non se define como un grupo antiglobalización, posto que defende unha política de globalización na que os países menos favorecidos poidan acceder á regulación dos intercambios na mesma medida que os grandes centros do capital internacional. Entre os seus membros máis destacados figuran Bernard Cassen, Noam Chomsky, ademais do propio Ignacio Ramonet.