O informe revela unha clara relación entre as actitudes antisemitas e antimusulmáns: aqueles que ven desfavorabelmente a uns tamén rexeitan aos outros.
En troques de gañar enteiros na chamada alianza de civilizacións, os estudos revélannos un presente cada vez máis enquistado no choque de culturas. Así o vén a demostrar un estudo que vén de presentar o instituto de investigacións Pew Research Center, con sede en Washington (EUA). O informe revela que o 25% dos alemáns, o 20% dos franceses, o 46% dos españois, o 36% dos polacos ou o 34% dos rusos teñen actitudes desfavorábeis cara os xudeus. Este rexeitamento tamén se incrementou cara os musulmáns, dos que teñen unha mala opinión o 50% dos alemáns, o 46% dos polacos, o 52% dos españois ou o 38% dos franceses.
Percibimos, non obstante, unha clara diferencia se nos achegamos a territorios anglófonos. Os británicos son os únicos europeos que non subiron o seu nivel de actitudes xenófobas: só o 9% xulga de xeito negativo aos xudeus polo simple feito de selo, en Estados Unidos, a porcentaxe é do 7% e en Australia acada o 11%, unhas porcentaxes que se manteñen na mesma liña se nos referimos aos musulmáns.
Outros datos significativos son que Francia é a nación máis afastada da relixión (o 60% do que nunca reza) ou que o rexeitamento cara os cristiáns no Estado español chega até o 24% (10% máis que hai tres anos).
Xenofobia e racismo
O director do estudo, Richard Wike, sinala o extremismo e a inmigración como detonantes do rexeitamento, sobre todo, cara os musulmáns. Asemade subliña que existe un paralelismo entre as actitudes antisemitas e as antimusulmáns, xa que aqueles que ven desfavorabelmente aos xudeus tamén tenden a ver baixo un prisma negativo aos musulmáns. Doutra banda, e como era de agardar, os sentimentos antisemitas máis extremistas foron atopados en países musulmáns (turcos, exipcios, xordanos, libaneses ou paquistanís) e viceversa.
Noutro orde de cousas, o informe tamén revela que nos países maioritariamente musulmáns caeu a cifra de cidadáns que apoian os actos de terrorismo suicida ou a violencia no nome da relixión. Ademais, tamén decreceron as actitudes favorábeis a Bin Laden, se ben conta cun importante apoio en países como Nixeria, Indonesia ou Pakistán.