Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Buratos financeiros en tempo de crise

Inspectores de Facenda suxiren taxas extra para as transaccións de paraísos fiscais

O colectivo que xunta os profesionais do sector tamén propón que se lles prohíba aos bancos que teñan filiais nestes paraísos de fiscalidade especial.

Redacción - 12:30 03/12/2008

A Organización Profesional de Inspectores de Facenda asegura que o goberno español comprometérase recentemente a levar na axenda de temas da xuntanza do G-20 en Washington a necesidade de meterlle man aos actuais privilexios dos chamados "paraísos fiscais". Desde o executivo estatal non confirman a existencia de avances neste eido, malia que, segundo se fixo público o debate ao respecto centrouse no cumio na importancia da "cooperación" nos casos máis graves de delito.

As suxestións do colectivo de inspectores son ben máis ambiciosas sobre este tema. O abano de ideas que poñen na mesa comeza pola prohibición directa aos bancos de teren filiais en paraísos fiscais. Na mesma liña, expoñen que sería importante negarlles a personalidade xurídica ás sociedades que estean constituídas ou domiciliadas en paraísos fiscais. Por riba, propoñen a introdución dunha taxa que grave as operacións financeiras con orixe ou destino nestes paraísos.

Sobre o mesmo asunto, nunhas declaracións recentes, Jeffrey Owens, director do centro de xestión de Impostos da OCDE, analizaba ao respecto destas áreas fiscais privilexiadas o papel que xogan á hora de rabuñarlles ingresos precisamente ás economías máis necesitadas. Segundo Owens, xa as economías máis desenvolvidas, como son as da Unión Europea ou Estados Unidos, baten con numerosos obstáculos para evitar a fraude relacionada con paraísos fiscais. Así, a situación é moito máis problemática para os países máis pobres, que ven como os cartos escapan causando grave impacto nas súas economías.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: