Case un cento de persoas, a maioría membros do único partido curdo que aínda está sen ilegalizar, o DTP, foron detidas e acusadas de vínculos co PKK.
En Turquía viven 15 millóns de curdos
O presidente de Turquía, Abdullah Gül e o primeiro ministro, Recep Tayyip Erdogan, asistían o pasado domingo en Istambul ao funeral dun dos dous soldados mortos o venres na rexión de Sirnak, na fronteira con Iraq. Os combates entre o Exército turco e o Partido dos Traballadores (PKK) deixaron polo menos nove vítimas, sete, guerrilleiros curdos.
O luns chegou a primeira redada policial simultánea en varias rexións do país, coa rede nacionalista secular Ergenekon -con lazos co PKK- como obxectivo. En total, 18 persoas, entre estes moitos universitarios, un cirurxián e dous membros de asociacións seculares, foron detidos.
Ao día seguinte, foi a quenda do contorno máis próximo á causa curda. As forzas de seguridade detiveron 51 persoas, sospeitosas de estar vinculadas á guerrilla separatista, dirixentes e militantes do Partido Sociedade Democrática (DTP), a única formación política curda que aínda non está ilegalizada. Entre os apresados está tamén o director da canle de televisión local, Gün TV.
Bos resultados electorais do DTP
O proceso iniciado en 2007 contra o DTP, por suposta vinculación co PKK, está en suspenso. O partido obtivo bos resultados nas eleccións locais do mes pasado, duplicando o número de municipios baixo o seu control no sueste do país, de maioría curda.
O parlamentario Selahattin Demirtas declarou que os arrestos son unha reacción ao éxito do DTP nos comicios. Varias manifestacións en apoio aos detidos desenvolvéronse esta cuarta feira no país, que conta cunha poboación estimada de 15 millóns de curdos.