O Partido da Unidade Nacional (PUN) saíu vencedor dos comicios lexislativos, o que supón unha labazada ao proceso de reunificación na illa, dividida dende a guerra de 1974.
O lider do PUN, Derviş Eroğlu, votando este domingo
Os nacionalistas turcos do Partido da Unidade Nacional (PUN) gañaron este domingo as eleccións lexislativas turco-chipriotas, o que ha supoñer un duro golpe ao proceso de reunificación na illa de Chipre, dividida en dous dende a guerra de 1974: ao sur está a República de Chipre -greco-chipriota, recoñecida por Europa e membro da UE-, e ao norte está a República Turca do Norte de Chipre (RTNC), recoñecida internacionalmente só por Turquía.
O PUN conseguiu o 44% dos votos, fronte ao 29% do Partido Republicano Turco (PRT, da corrente socialdemócrata), que até o de agora dominaba o goberno e a presidencia da República. Como o estado turco-chipriota é semipresidencialista, os resultados destas eleccións non afectan a posición do actual presidente, Mehmet Ali Talat (PRT), que lidera a parte turca nas negociacións de paz co sur, pero o novo goberno do PUN podería facer presión a favor dunha posición maximalista, que dificultaría un acordo coa República de Chipre.
O futuro da illa
Fundado polo ex presidente conservador Rauf Denktas, que gobernou o norte de Chipre durante 30 anos, o PUN evolucionou dende a súa primitiva posición contraria á reunificación. Hoxe en día apoia a creación de dous Estados -un grego e outro turco- asociados nunha confederación. O PRT e Talat avogan por un estado chipriota federal e unido.
O presidente turcochipriota, Mehmet Ali Talat, subliñou a semana pasada que "se debería atopar unha solución antes de 2010". Hai máis de un ano que Talat está en conversas co dirixente greco-chipriota, Dimitris Christofias, e ámbolos dous líderes tiñan previsto chegar a un acordo definitivo -que pasaría por incluír a parte turca de Chipre na UE, entre outras cousas- dentro duns meses. Porén, o líder do PUN, Derviş Eroğlu, xa sinalou que o seu partido vai nomear un representante que acompañe o presidente nas negociacións futuras coa parte grega da illa.