A deputada socialista Carme Gallego denunciou este sábado este feito e advertiu que o informe non vai ser "nin imparcial, nin independente".
A guerra arredor de Sogama viviuse este sábado por partida dobre. Pouco despois de que o PPdeG denunciase o enterramento de residuos tóxicos durante a última etapa do bipartito, a deputada socialista Carme Gallego vén de denunciar que o Goberno encargoulle a auditoría de Sogama a un curmán do conselleiro Alfonso Rueda.
Os socialistas advirten que a auditoría non vai ser “nin parcial, nin independente”. Carme Gallego matiza que o executivo vai ter que explicar “canto lle vai pagar o señor Feijoo ao curmán de Rueda para que faga unha auditoría a medida?”
Os socialistas reiteraron que os informes elaborados polo Consello de Contas detectaron numerosas anomalías en Sogama durante os mandatos do PPdeG. Como exemplo volveron sacar a contratación “a dedo” dun fillo do ex conselleiro de Sanidade Hernández Cochón.
En canto ás denuncias do PPdeG sobre os enterramentos de residuos tóxicos procedentes do porto de Vigo nun vertedoiro de Cerceda, Gallego asegurou que “non teñen nada de certo”.