Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MARÍA TORRES, SECRETARIA XERAL DE XX.SS

“Defendemos a nación galega inserida na unidade plurinacional que constitúe España”

Vieiros falou coa nova responsábel das Xuventudes Socialistas sobre temas como a situación do galego, os cambios no Conxunga ou o novo tempo político que vive o país.

Pablo García Martínez (texto)/ Isabel G. Couso (vídeo) - 09:00 10/06/2009
María Torres

María Torres

María Torres (Carballo, 1984) atendeu a Vieiros só unha semana despois de ser elixida Secretaria xeral das Xuventudes Socialistas. Recíbenos cun cordial saúdo na sede que o PSdeG ten en Compostela e lévanos a unha moderna sala de prensa idónea para que a conversa non se quente de máis: vai un frío do demo. María descóbrese como unha excelente anfitrioa mentres nos imos dispoñendo contra a mesa de conferencias para comezar a entrevista. Alí falamos con esta licenciada en Dereito amiga das redes sociais, que se confesa "enganchada ao Facebook, aínda que agora só teño 10 minutos ao día para adicarlle".

Malia vir dunha familia "futboleira" explícanos que lle perdeu a gracia a este deporte co paso do tempo, pero non vacila á hora de contarnos as súas preferencias: "eu son do Deportivo". Acompaña con acenos todas as súas respostas e de cando en vez escápalle algún sorriso furtivo, como aquel que esbozou cando lle preguntamos se o seu teléfono percibira a chegada ao cargo. Respondeu entón que "a batería é a que máis o nota". Co ar desordenado da que acaba de aterrar enumera outras afeccións como o aeróbic, as copas coas súas amigas, ou a música de Coldplay e Silvia Penide; das que fala case con morriña mentres nos explica que agora ten a moito entre o que repartir o tempo. Sen dicilo con palabras, un tenue suspiro semella esbozar aquela reflexión trivial de eterna actualidade: o día nunca deixará de ter 24 horas.

Que grao de colaboración coas xuventudes dos diferentes partidos políticos tes pensado levar a cabo?
Isto vaise vendo polo camiño, sobre todo agora que estamos na oposición. Nós como organización xuvenil sempre temos unha actitude reivindicativa con respecto ao goberno, sexa da cor que sexa. Avaliando como se adoita desenvolver a dereita no goberno e a actitude que adoita ter no deseño das políticas de mocidade, supoño que nestes catro anos teremos a posibilidade de coincidir politicamente máis con Galiza Nova que con Novas Xeracións, pero non coincidir nos nosos programas, porque somos organizacións políticas diferentes.

Que pensas do feito de que o Consello da Xunta non nomeara aínda como nova presidenta a Azucena Rodríguez, despois da polémica que suscitou o seu proceso de elección?
Non é que me preocupe, pero o nomeamento de Azucena Rodríguez como nova presidenta do Consello da Xuventude de Galiza, é unha cousa que xa tiña que estar feita. Facemos dende aquí un chamamento ao goberno da Xunta, aínda que entendemos que o nomeamento de outros cargos será o motivo polo que se foi retardando esta decisión. É unha cuestión que ten que abordarse xa, porque a Xunta non ten capacidade de decidir, xa que o resolveu a asemblea do Conxuga por unha maioría clara de toda a xente que estaba alí aquel día.

Que significado ten para ti o feito de que ducias de miles de galegas e galegos saíran á rúa este pasado domingo para aproveitar o Día das Letras e proclamar a defensa da nosa lingua ante as medidas que vén anunciando o goberno do PP?
Eu creo que se en algo se equivocou o Partido Popular, e parece seguir equivocándose, é en querer facer do tema lingüístico un conflito que é inexistente na nosa terra. Inventaron este conflito durante a pre-campaña electoral, rompendo o consenso político que existía até entón en torno á lingua. A lingua é unha parte máis da nosa cultura, que nos identifica. Temos a obriga de protexela e o dereito de utilizala. Temos que conseguir normalizar a lingua galega a través de políticas de tipo educativo. A lingua hai que mimala, hai que protexela e valorizala e hai que ensinala cando es moi pequeniño para collerlle cariño. A política lingüística que está elaborando o PP parte dun erro fundamental que é non ter unha idea sobre como protexer a nosa lingua. Non sei se é por falta de interese ou por descoñecemento, pero dende logo non teñen un proxecto adecuado para a protección, promoción e normalización do galego.

O novo Goberno xa dixo que vai mudar o Decreto do galego, pero non anunciou en que van consistir os cambios. Cales pensas ti que van ser os puntos nos que van incidir á hora de remodelar o texto?
Non o teño moi claro, principalmente porque as cuestións que defendeu o PP cando estaba na oposición son moi fáciles de entender cando estás do outro lado, pero contiñan aspectos que son realmente difíciles de poñer no papel. Un exemplo é a posibilidade de que sexan os propios pais os que decidan en que lingua educan os seus fillos. Non é factible defender que se segreguen os rapaces nas aulas, e iso non o vai permitir esta organización xuvenil. Un goberno ten que garantir uns mínimos, sobre todo cando falamos de educación pública. Esperemos que os PP se limite a aplicar a lei de normalización lingüística que aprobaron eles estando no goberno.

Como pensas que se pode revestir o baixo nivel de utilización do galego no ensino?
O que plasma o actual decreto é un bo inicio para introducir pouco a pouco a nosa lingua dentro da mocidade, coa adopción de medidas que non foron impositivas, senón que procuraban poñer ao mesmo nivel o galego e o castelán. É a nosa lingua materna e non se pode impoñer algo que xa é propio, iso é imposible. O que hai que facer é meter o galego nos centros de ensino e explicarlle aos mozos a importancia de protexelo, porque senón desaparecerá e o castelán non é unha lingua que estea en perigo de extinción en Galiza nin en España.

Dende que fuches elixida secretaria xeral das Xuventudes Socialistas falaches en varias ocasións de que ti sentes Galiza como unha nación. Como é esa nación que levas dentro?
Para entendernos imos comezar por denominar a nosa nación como un territorio delimitado por unha serie de valores e elementos que nos caracterizan como galegos. Nós defendemos a nación galega porque temos uns valores que nos identifican, pero defendémola inserida dentro dunha realidade plurinacional que é España, da que formamos parte e á que estamos orgullosos de pertencer. Penso que nós temos que temos moito que aportarlle (a esta realidade plurinacional) e moito que recibir.

Como valoras o traballo feito polo bipartito nos seus anos de goberno?
Foi un traballo descoñecido, en eidos que estaban esquecidos. Eu cando falo disto sempre poño como exemplo a lei de Igualdade no traballo. Penso que foi unha lei que identificou moito este Goberno,e foi pioneira no país ao apostar porque as mulleres galegas teñamos o dereito de cobrar o mesmo que os homes por facer o mesmo traballo. Pero hai unha parte importante da sociedade que descoñece esta lei. Fíxose moito traballo en materia educativa, laboral, sanitaria, ou no eido da política territorial. Aínda así existía xente que non era consciente do traballo duro que se estaba facendo dende a Xunta. Non é cuestión de publicitalo, senón de falar coa xente na rúa e conseguir que o traballo atenda ás súas necesidade e tamén que eles o sintan así.

Precisamente o Ministerio de Igualdade ven de participar na aprobación de medidas que están causando un interesante debate, como a liberalización da pílula do día despois ou a despenalización do aborto. Que opinas ao respecto?
Parécenme un fito fundamental, porque é unha demanda que ten moitos anos e por fin hai un goberno coa capacidade para levalo adiante. Por un lado avanzamos na obtención de dereitos que as mulleres non tiñamos recoñecidos e este avance debe ir da man da educación entorno á responsabilidade sexual.

Es favorable a manter un proxecto de goberno no que se poidan integrar PSdeG e BNG?
Habitualmente un partido aspira a gobernar en solitario, mais a min persoalmente as maiorías absolutas non me gustan. Eu sempre vexo como positivos os gobernos en bipartito, porque creo que hai unha cousa en política que é preciosa: o debate e a negociación para chegar a acordos partindo de posicións diferentes.

Hoxe en día está xeralmente aceptado o desalento que a maioría da sociedade experimenta a respecto da actividade política. Como pensas que se pode cambiar ese sentir?
Penso que hai moita xente que nos ve como impermeábeis, séntennos como estruturas pechadas nas que é moi difícil entrar e ás que é moi difícil explicarlles cales son os seus problemas. Este pode ser veces un problema bidireccional, e pode ser que os políticos teñamos parte de culpa. Nós como axente socializador de primeira magnitude temos unha labor fundamental, que é ilusionar a xente coa política. Os partidos políticos non somos máis que persoas que si creemos que hai cousas que fallan e queremos ter a posibilidade de cambiar esas cousas dende múltiples sectores. Non é o mesmo o papel que xoga un sindicato que o que pode xogar unha organización xuvenil, pero creo que é fundamental concienciar a xente da necesidade de participar, porque o que nunca se equivoca é o que non fai nada.

Nas universidades galegas están sendo habituais as protestas contra a implantación do Plan Boloña. Que opinas ti deste novo modelo de ensino universitario?
A posición que temos é positiva de partida, porque significa un cambio fundamental no paradigma educativo. Acábanse as clases maxistrais e o alumno ou alumna convértese no eixo do seu propio programa educativo, tendo a capacidade de decidir e guiar o seu catálogo de estudo. En liñas xerais estamos de acordo coa filosofía de Europa. Evidentemente Boloña ten que vir acompañado dun plan orzamentario adecuado que permita que o alumno ou a alumna poda ter as mesmas posibilidades de acceder a ese sistema educativo que as que ten agora. O sistema de prestamos que propón Boloña é positivo sempre e cando sexa complementario ao sistema de bolsas, adecuado ao nivel académico e de renda de cada alumno.

Un dos problemas que ten o noso sistema educativo é que o aumento no acceso da xente á universidade se vira correspondido cunha diminución do nivel dos titulados. Como pensas que se pode atallar esa tendencia?
Eu creo que Boloña vai a ser un paso adiante importante, porque as carreiras universitarias teñen que formar profesionais pero tamén persoas con competencias para desenvolverse na súa vida laboral e na súa vida diaria. Boloña é unha oportunidade boa para que os estudos se adapten á realidade social que temos a día de hoxe. Ás veces tamén temos a sensación de que hai que estudar unha carreira e non nos acordamos da formación profesional alternativa, na que a Xunta traballou duro durante os últimos catro anos.


4,47/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: